A queima do Paxaro de Mal Agoiro dará fin ao Entroido en Bueu
Por Redacción
Esta fin de semana conclúe a programación do Entroido en Bueu con máis actuacións de comparsas, festas infantís e a gran cita final coa queima do tradicional Paxaro de Mal Agoiro. Todos os eventos continuarán marcados polas normas sanitarias derivadas da pandemia e presentarán un formato reducido.
O sábado, ás 12.30 horas, actuarán na carpa da Praza Massó as comparsas Os do Pinsel, As Faltriqueiras, Vou non bou e Trinta Femia. Durante a tarde trasladarán as actuacións ao Parque Joe Novas de Beluso, a partir das 18.00 horas.
O público infantil terá unha cita ás 17.00 horas coa festa na Praza Massó, que contará cunha capacidade de asistentes limitada. Por primeira vez a festa de disfraces contará con persoal especializado en necesidades especiais. Haberá concuro con categorías de bebés, infantil, xuvenil e familias.
Durante o domingo, a actividade festiva iniciarase cunha actuación das comparsas na Praza Massó. Durante a tarde volverá celebrarse unha festa infantil a partir das 17.00 horas no mesmo espazo. E xa, ás 18.00 horas, unha charanga amenizará o centro urbano dirixíndose cara á praia da Banda do Río onde se realizará a Queima do Paxaro de Mal Agoiro ás 19.15 horas. Nesta ocasión, a figura que será queimada elaborouse por escolares participantes en talleres do artista local Tino Resille.