Cotobade dedica a Antonio Fraguas o seu novo centro cultural e turístico en Carballedo
Por Redacción
Fomentar a unión veciñal e dinamizar socialmente o municipio. Son as dúas funcións principais que terá o novo equipamento que estreou este sábado o Concello de Cerdedo-Cotobade. É o centro cultural e turístico en Carballedo, bautizado co nome do etnógrafo Antonio Fraguas.
Foi precisamente a súa sobriña-neta, Carolina Martínez, a encargada de descubrir a placa inaugural deste centro, que foi inaugurado coa presenza, entre outras autoridades, do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
O acto inaugural comezou cunha visita por parte de autoridades e veciños a todo o edificio do antigo cine-baile, recuperado agora para estes novos usos.
A recuperación do edificio consistiu na actuación en 500 metros cadrados co obxectivo de crear na planta baixa un aula para recepcións e exposicións e, no primeiro andar, unha ampla sala de usos múltiples para conferencias, proxeccións ou pequenos concertos.
O proceso de restauración incluíu a mellora da iluminación, ventilación e illamento, así como o levantamento da cuberta para un segundo andar.
María García, arquitecta local e autora do proxecto de rehabilitación, salientou o importante grao de dificultade que tiña aparellada a obra debido á necesidade de harmonizar a vella estrutura existente coas necesidades de espazo e funcionalidade dun centro sociocultural.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou pola súa banda os 350.000 euros investidos polo goberno galego nesta actuación, que servirá para "poñer en valor o patrimonio do municipio e consolidar a súa oferta turística".
A quenda de intervencións pechouna o alcalde, Jorge Cubela, quen lembrou como xurdiu un centro sociocultural destas características desde que llo solicitou en 2019 ao presidente da Xunta, durante a celebración do Día das Letras Galegas na honra de Antonio Fraguas.
Cubela apelou en varias ocasións ao legado de Antonio Fraguas "como inspirador da dinamización cultural que debe presidir a existencia deste centro social que ten como principal función unir aos veciños e dar cobertura á actividade asociativa de todo tipo de colectivos".
"Queremos que este centro se encha de vida, de actividades e de cultura", engadiu o rexedor, que defendeu que "este logro era unha reivindicación dos veciños de antes e dos de agora e era unha petición histórica que agora se ve cumprida".
Para rematar o acto inaugural, o músico galego Roi Casal e o seu grupo ofreceron un par de pezas musicais para amenizar este concorrido evento inaugural "do que se sentiría ben orgulloso don Antonio", sentenciou o alcalde.
Relacionadas:
-
O labor de Antonio Fraguas de se mergullar na lembranza colectiva de Cotobade amósase nunha publicación
Por Redacción |
-
Cubela cualifica de récord os 10 millóns de euros investidos nas obras realizadas no municipio durante 2021
Por Redacción |
-
As obras do Centro Cultural e Turístico 'Antonio Fraguas' finalizarán este mes
Por Redacción |