A Deputación reivindica a axenda da paridade e a abolición da prostitución como "cuestións irrenunciables"
Por Oskar Viéitez
Da balconada do Pazo Provincial, sede da Deputación de Pontevedra, está pendurada desde este luns unha pancarta co lema "Feminismo é conseguir a axenda da paridade" coa que esta administración da inicio á programación do Día da Muller.
"Nós esiximos ocupar a metade de todo. Iso significa que os homes teñen que renunciar aos seus privilexios para que nós poidamos ocupar o 50% de todas as actividades humanas", dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que xunto á axenda da paridade reivindicou a abolición da prostitución como outra das "cuestións irrenunciables" nesta campaña do 8 de Marzo.
Carmela Silva anunciou que a institución estará presente nas manifestacións que se celebren para esixir "ben alto" a abolición da prostitución. "A Deputación de Pontevedra e o Goberno da Deputación de Pontevedra ten moi claro que somos abolicionistas e esiximos aos poderes que teñen capacidade para lexislar que se aprobe esa lei".
A mandataria socialista agarda que "máis pronto que tarde" e "nesta lexislatura" se aprobe esa lei "como se ten comprometido".
Carmela Silva tamén tivo un especial recordo ás mulleres ucraínas, "que deben ter unha atención especial" con "todos os recursos necesarios" por parte das autoridades europeas, porque "son as que máis están a sufrir a invasión".
A sede da Deputación en Pontevedra acollera este martes 8 de marzo, ás 11 da mañá, unha acción reivindicativa protagonizada pola artista e trapecista Su Moreno.