8M | "Aínda quedan moitos teitos de cristal para romper"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Teresa Delgado, directora do centro penitenciario da Lama, puxo este martes a voz á declaración institucional da Subdelegación do Goberno en Pontevedra con motivo do 8 de marzo, na que puxo o foco no "impacto" da pandemia da covid-19 no aumento das desigualdades, a pobreza e a violencia contra as mulleres e as nenas e no "retroceso de avances en materia de emprego, saúde e educación".
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu o acto institucional e deu a voz a Teresa Delgado, primeira muller en dirixir o centro pontevedrés e tamén un penal galego, como "unha desas mulleres que nos representa a todas".
Antes de pasarlle o micro, a subdelegada fixo un chamamento a "seguir alzando a voz para conseguir a igualdade real entre homes e mulleres" a alertou de que "aínda quedan moitos teitos de cristal para romper", por iso é polo que segue a ser moi necesario que se fagan as reivindicacións do 8M e "salvemos as distintas fendas de xénero que nos afastan dunha sociedade máis xusta e equilibrada".
"Que sexa 8 de marzo todos os días do ano", afondou Larriba como remate á súa intervención no acto oficial, unha cita breve e íntima na Subdelegación do Goberno na que aproveitou para lembrar a Guerra de Ucraína e que "unha vez máis, as mulleres pagan un alto prezo por unha guerra que obriga a abandonar os seus fogares, o seu país e o seu futuro, arrastrando con elas ás súas fillas e fillos".
Larriba, ao igual que outros asistentes ao acto, levaba un dobre lazo amarelo e azul en sinal de recordo ao pobo ucraíno. Ademais da subdelegada e Teresa Delgado, acudiron a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Yoya Blanco; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Simón Venzal; o comisario xefe da Policía Nacional en Vigo e xefe en funcións da Comisaría Provincial, Juan José Diaz; e o presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez Estébanez.
O manifesto ao que puxo voz Teresa Delgado tamén lembrou que este ano o leva da ONU para este día é "igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible" e alertou de que o cambio climático é un "multiplicador das ameazas para as mulleres" e que, ao mesmo tempo, "as mulleres e, sobre todo as máis novas, son multiplicadoras de solucións" e de que a pandemia aumentou a "inseguridade a todos os niveis" para as mulleres.
Tamén citando á Organización das Nacións Unidas, lembrou e só a través do avance da igualdade de xénero se poderá dar cumprimento aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e quixo sinalar que é importante este ano, como todos, lembrar por que se reivindica o 8 de marzo, que non é unha data de celebración, senón de loita polos dereitos que no mundo empezou a conmemorase en 1910 e en España en 1936 en recoñecemento ás traballadores que morreron na loita obreira da fábrica Textilera Cotton en 1857.
Relacionadas:
-
Homenaxe ás praceiras "que enchen de vida" o Mercado de Pontevedra
Por Redacción |
-
8M | As mulleres toman as rúas de Pontevedra baixo o lema "Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa"
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
8M | Marín destaca o "exemplo" das mulleres profesionais do sector do transporte
Por Redacción |
-
8M | Bueu reivindica unha "igualdade real" entre homes e mulleres
Por Redacción |
-
8M | O deporte pontevedrés, co Día da Muller: "É día para traballar, educar en igualdade e loitar por un mundo mellor"
Por Redacción |
-
8M | Reclaman desde Pontevedra "o máis xusto do mundo": os dereitos das mulleres
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |