"Agradecemento eterno" das familias do Villa de Pitanxo a Samuel, "porque el é a voz dos 21 que non poden falar"
Por Natalia Puga
As familias dos nove tripulantes falecidos e os 12 desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo amosaron este martes o seu "agradecemento eterno" a Samuel Kwesi, un dos tres sobreviventes, pola súa declaración ante a Garda Civil de Pontevedra e a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim), que deu un envorco á investigación e levou á Audiencia Nacional a abrir dilixencias para dirimir se existe responsabilidade penal.
Unha vez que o xornal El Debate publicou parte desa declaración, os familiares do resto da tripulación que non sobreviviu ao afundimento quixeron darlle as grazas pola súa "valentía a pesar de todas as presións".
María José de Pazo, filla dun dos tripulantes desaparecidos e portavoz do resto de familias, explicou que o resto de familiares compartiron centos de mensaxes de apoio a Samuel nas que lle agradecen "que fose compañeiro, que fose íntegro" nesa declaración.
Danlle as grazas "porque el non só é a súa voz, é a voz dos 21 que non poden falar". Samuel Kwesi, insisten, "é valente e tamén lle deu aos 21 falecidos que non poden falar a súa voz".
Mándanlle todo o seu apoio e agradecen a súa forza "a pesar das presiósn". Consideran que "persoas coma el fan un mundo mellor, persoas coma el son un exemplo" e para as familias das vítimas deste naufraxio "vai ser o noso exemplo para buscar forzas e seguir loitando cada un na súa medida en esclarecer a verdade"
Os familiares teñen un grupo de Whatsapp no que comparten mensaxes como, por exemplo: "Gracias, Samuel, por ayudar a que en un futuro en una sentencia se escriba la verdad", "Desde Huelva, mandar todo nuestro apoyo para Samuel, darle las gracias por sacar la verdad, ahora nos das más fuerzas para luchar entre todos para que se haga justicia", "Mil gracias, eres una persona íntegra, de las que quedan pocas en este mundo" ou "Me quito el sombrero por Samuel".
Samuel Kwesi emitiu un comunicado no que matiza que "non vou entrar a confirmar nin a desmentir o que aparece nese medio", en referencia a El Debate, e que non vai falar co resto de familias "polo ben de que o meu testemuño chegue a bo termo en sede xudicial".
Julio Torres, pastor evanxélico de Marín e cunha relación estreita con Samuel, trasladou que "está nunha etapa difícil da súa vida, con tantas incógnitas por diante e nun terreo que el non coñece" e tamén trasladou que continúa "en shock".
Nestes momentos, está arranxando papeis que perdeu no propio barco ao afundirse e de baixa laboral, "intentando saír adiante", segundo explicou Torres na Radio Galega.
Segundo indica o pastor, "marcouse como obxectivo chegar ao tribunal e dar alí o seu testemuño". Ademais, sabe que para as familias é "moi importante" porque "desgraciadamente non teñen outro testemuño máis próximo en canto a que el é un mariñeiro como eran a maioría dos que faleceron".
Relacionadas:
-
As familias, enfadadas co patrón, que rompe o seu silencio "sen nin sequera dar o pésame, só para defenderse el"
Por Natalia Puga |
-
Haberá un funeral conxunto polos 21 falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |
-
A declaración dun dos tres sobreviventes dá un xiro á investigación do naufraxio
Por Natalia Puga |