8M | As mulleres toman as rúas de Pontevedra baixo o lema "Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa"
Por Mónica Patxot & Redacción
Na noite deste 8 de marzo as mulleres tomaron novamente as rúas de Pontevedra convocadas pola plataforma Galegas 8M baixo o lema "Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa".
Dentro da asemblea de Galegas 8M participan máis de 40 colectivos, asociacións, plataformas e sindicatos, ademais dun importante número de mulleres non pertencentes a estes grupos con cánticos reivindicativos como "No estamos todas, faltan las asesinadas"; "Mulleres somos, mulleres seremos, pero na cama non nos quedaremos" ou "Imos queimar a conferencia episcopal por machista e patriarcal".
Unha vez finalizada a manifestación na praza da Ferrería pasouse á lectura do manifesto no que reivindicaron as mesmas razóns que levan anos berrando, protestando e esixindo solucións "a un sistema que ignora sistemática e impunemente as nosas demandas".
Así as manifestantes reclamaron que as políticas públicas sexan deseñadas polos feminismos, financiadas e veladas na súa eficacia e cumprimento, "acabando coas actuacións das institucións patriarcais que non solucionan nada".
"Estamos fartas dun sistema educativo que reproduce as lóxicas patriarcais do poder e as súas violencias", por iso, demandaron unha educación pública de calidade, non sexista, na que a igualdade e a diversidade sexan eixos centrais de todos os currículos, materias e actividades.
Tamén esixiron unha vida sen violencias, que todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos se coloquen ao servizo para garantir este dereito básico; para que se elimine calquera contido sexista ou discriminatorio no ámbito da comunicación e da cultura que lexitime ou alente esas violencias.
Ademais, subliñaron que "reclamamos e exercemos o noso dereito á autodefensa en todos os ámbitos da vida".
Outra das demandas expostas na mobilización foi que "precísase a transformación coa que se nos relaciona co traballo, combater o capitalismo e construír alternativas de vida para todas; para exercermos o noso dereito de vivir, de amar, de criar, de maternidade e de sexualidade, e para que todas e cada unha desas escollas cónten con todas as garantías sociais para podermos desenvolvelas".
"Que os poderes públicos loiten sen cuartel contra a industria da trata", esixiron e que os gobernos se responsabilicen de deter e reverter a situación de abandono e destrucción do medio rural.
"Mobilizarémonos até que se erradique a fenda salarial, a precariedade, o teito de cristal, a división do traballo por xéneros, o chan pegañento e a feminización da pobreza", prometeron nesta marcha reivindicativa á que se sumaron milleiros de persoas para amosar unidade, diversidade e combatividade baixo o lema: Abaixo o patriarcado capitalista e colonial.
Relacionadas:
-
A Policía Local e o CIM 'alíanse' para axudar o alumnado da ESO a identificar violencias machistas
Por Alejandro Espiño |
-
Homenaxe ás praceiras "que enchen de vida" o Mercado de Pontevedra
Por Redacción |
-
8M | A CIG berra contra a desigualdade e precariedade das mulleres
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
8M | "Aínda quedan moitos teitos de cristal para romper"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
8M | Reclaman desde Pontevedra "o máis xusto do mundo": os dereitos das mulleres
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
8M | O paro feminino en Pontevedra é o terceiro máis alto das cidades galegas
Por Manu Otero |
-
Quince 'Mulleres da Vila' para visibilizar e homenaxear as emprendedoras de Pontevedra
Por Redacción |