As autoridades poñen o ollo en catro estradas da comarca polo ruído que xeran

Por Manu Otero
O Mapa Estratéxico de Ruido elaborado en xullo do pasado ano pola Axencia Galega de Infraestruturas co obxectivo de detectar e corrixir os principais focos de ruído dos principais eixos viarios da rede autonómica inclúe cinco estradas da área de Pontevedra: PO-308, PO-531, PO-542 e VG-4.4, así como a autovía do Salnés.
O informe recolle que, aproximadamente, unhas 1.100 persoas que viven ao longo da PO-308, nos 17.,35 quilómetros que separan Pontevedra de Sanxenxo, soportan a diario índices de ruído comprendidos entre os 70 e 74 decibeis. Unha cifra que corresponde ao segundo máximo banzo da escala marcada polas autoridades sanitarias.
Con ruídos comprendidos entre os 65 e 69 decibeis conviven 1.700 persoas ao longo desta estrada, mentres que con niveis máis aceptables, entre 55 e 64 decibeis, fano unhas 2.200 persoas.
A situación é similar coa PO-531. No tramo de 18,80 quilómetros que separa a Ponte da Barca, incluído tamén neste mapa para reducir a cantidade de ruído xerado, da localidade de Baión, son uns 200 habitantes os que soportan altos índices de ruído, entre 70 e 74 decibeis.
Menos significativa é a afección ao benestar das persoas que viven preto da PO-542 ou da VG-4.4. O documento recolle que na vía que une Marcón e o nó do Pino só unhas 100 persoas soportan ruídos que alcanzan os 69 decibeis, mentres que na contorna da variante de Marín non figura ningún veciño afectado por ruídos superiores aos 60 decibeis. Tampouco na autovía do Salnés chegáronse a rexistrar índices de ruído nocivos para as persoas.
A Axencia Galega de Infraestruturas inclúe neste informe os resultados obtidos da actualización dos Mapas Estratéxicos de Ruído dos grandes eixos viarios, cun tráfico superior a tres millóns de vehículos por ano, das estradas titularidade autonómica en aplicación da Directiva Europea 2002/49/CE sobre Avaliación e Xestión do Ruido Ambiental, así como da Lei de Ruido 37/2003 e do Real Decreto 1513/2005 que a desenvolve.
Para iso obtivéronse os niveis de ruído a catro metros de altura sobre o terreo e nas fachadas das edificacións afectadas polos eixos viarios, a partir dos que se puido avaliar a afección producida polo ruído xerado por estes á poboación.
A realización destes mapas servirá de base para a elaboración de plans de acción en materia de contaminación acústica que a Xunta debe entregar ao Goberno antes do 30 de setembro do 2024. Xa na primeira fase desta campaña impulsada polo Ministerio de Transición Ecolóxica, que se atopa actualmente na cuarta fase, Galicia elaborou un primeiro mapa e un plan de acción no 2008 no que non figuraban accións para ningunha destas catro estradas.
Ademais das actuacións previstas neste Plan de Acción para a redución do ruído xerado polas estradas autonómicas, a Xunta de Galicia realiza outras actuacións que, non tendo como obxectivo principal a redución do ruído, si colaboran na súa atenuación, como son en particular: actuacións de mellora da seguridade viaria que mediante a construción de rotondas xeran un acougado do tráfico nunha determinada zona, renovacións de firme ou construción de variantes que permiten reducir o tráfico en zonas moi urbanas.