Nova morte por covid-19 na área sanitaria tras o falecemento dun home de 89 anos
Por Redacción
Tras varios días sen falecidos, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volveu a comunicar o deceso dunha persoa que se contaxiou de covid-19. Trátase dun home de 89 anos que estaba ingresado no Hospital Montecelo.
Esta persoa, que tiña patoloxías previas, é a vítima número 263 desde o inicio da pandemia na área sanitaria.
Mentres tanto, os contaxios aumentan con respecto a xornadas anteriores. Nas últimas 24 horas, Sanidade comunicou a apertura de 215 novos casos de covid-19. Iso situou os casos activos na área sanitaria en 2.207, 103 máis dos que había onte.
Os ingresados nos tres hospitais de Pontevedra e Vilagarcía, pola súa banda, son 44, un menos dos que estaban hospitalizados no último balance realizado polo Servizo Galego de Saúde. Deles, tres atópanse na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo.
A maiores, atendidos en planta hai outras 41 persoas. Hai 38 en Montecelo e tres no Hospital do Salnés. Non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
O resto dos que contraeron o virus, outras 2.163 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e baixo supervisión médica, ao ser asintomáticos ou ter pouca sintomatoloxía.
Desde o inicio da pandemia 56.851 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19 e rexistráronse 263 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 402.654, 189 nas últimas horas. A elas súmanse as 234.441 probas de antíxenos e outras 125.336 probas de detección da covid-19.
INCIDENCIA EN GALICIA
O número de casos de coronavirus en Galicia, pola súa banda, é de 18.561, 1.099 máis que o día anterior. Deles, 3.814 son da área da Coruña, 2.226 da de Lugo, 2.655 da de Ourense, 2.207 da de Pontevedra, 3.319 da de Vigo, 3.147 da de Santiago e 1.113 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 28 están en UCI, 351 en unidades de hospitalización e 18.182 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 492.002 persoas curadas, rexistrándose 3.141 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 3.726.963 probas PCR, 3.326 nas últimas 24 horas. Os novos casos abertos desde onte, que inclúen os autodiagnósticos con antíxenos, foron 2.032.
Relacionadas:
-
2.326 pacientes manteñen a infección activa de covid-19 na área sanitaria
Por Redacción |
-
Hospitais e residencias teñen o aval do TSXG para esixir o certificado covid ata o 26 de marzo
Por Redacción |
-
Os casos de covid-19, á alza, con 234 novos positivos e tres hospitalizados máis nun día
Por Natalia Puga |
-
A área sanitaria rexistra 2.104 casos activos e 45 pacientes hospitalizados con covid-19
Por Redacción |
-
Oito hospitalizados menos con covid-19 alivian a presión asistencial na área sanitaria
Por Redacción |