Nacen os premios Josefa Fariña, unha muller anónima que dará visibilidade á valía pontevedresa en feminino
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Se buscas en Internet, en hemerotecas, en libros de historia, en documentos, Josefa Fariña parece que non existiu. Viviu en Pontevedra entre 1898 e 1944, rexentou un ultramarinos e escribía, pero, cando casou, destruíu todos os seus textos. Só se conservan dela un nome e unha foto. Parece que non foi ninguén e, en realidade, Josefa Fariña son (somos) todas as mulleres.
O seu nome e a súa historia serviron de inspiración para o alumnado de segundo curso do ciclo de Promoción da Igualdade de Xénero que se imparte no CIFP A Xunqueira. Todo empezou como un traballo de clase do módulo de Participación Social das Mulleres e a próxima semana culminará coa entrega da primeira edición dos Premios Josefa Fariña.
Chegaron á figura de Josefa Fariña a través dos traballos de xénero da súa profesora, Sonia Rodríguez Vidal; investigaron sobre mulleres de Pontevedra de gran valía e traxectoria notable que non teñen o coñecemento e recoñecemento social que merecen; e decidiron "fomentar a sororidade e o respecto entre mulleres" creando estes premios.
Era un traballo de clase co que neste mes de marzo no que se conmemora o Día Internacional da Muller buscaban reivindicar en positivo e loitar "dando visibilidade ás mulleres pontevedresas que triunfan en diferentes ámbitos e das que ninguén fala", pero gustou tanto ao alumnado, ao centro e ás condecoradas que decidiron saír da aula, facer un acto formal de entrega e mesmo convidar ás autoridades.
Tal e como confirman desde o centro, xa confirmou asistencia o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e hai programadas sorpresas como a lectura dun poema adicado a Josefa, que lerá a alumna Aida González.
A gran cita que esperan será o 17 de marzo pola tarde no salón de actos do centro, pero unha parte do obxectivo que buscaban xa se ve no seu día a día. PontevedraViva acompañou ao alumnado nunha clase de habilidades sociais, co seu titor, Miguel Ángel Rodríguez Fernández, para coñecer os detalles da iniciativa.
Unha das alumnas, Lara Mallo, explica que "é unha forma de honrar Josefa Fariña e tamén de entregar premios a mulleres que levan toda a vida dedicándose a diferentes áreas e que merecen un recoñecemento".
Serán 14 as mulleres premiadas, 13 categorías e un premio especial en recoñecemento do traballo feminino no eido dos coidados, que será este ano para a familia Concepción Diéguez González, nai de Antía Sueiro e cofundadora da asociación Antía Sueiro para a Axuda a persoas con Parálise Cerebral e as súas familias.
Será un "acto feminista" ao que quixeron poñerlle o nome de Josefa Fariña porque, segundo explica Sonia Rodríguez, "Josefa, escribe, traballa, soña, pero a realidade imponlle outra vida que non lle gusta. Unha vida na que as mulleres non contabamos nada".
Puxéronlle o seu nome porque Josefa "é todas as mulleres" e "todas debemos de agradecer a invisibilidade de moitas para coller a testemuña de loitar con forza agora e seguir cambiando cousas, ata que falemos de persoas iguais. Ata que teñamos a liberdade de ser o que queiramos ser. Josefa non puido".
Así, ela dálle o seu nome, pero "somos todas as mulleres, non é unha muller". De Josefa non hai case rastro e, precisamente, "non ter nada dela, é o que deu forma ao traballo" de investigación que fixo o alumnado.
As condecoradas este ano son máis coñecidas, pero non todo o que deberían e, entregándolle o premio a elas, tamén aspiran a recoñecer a "moitas mulleres das que non hai dato relevante", como homenaxe a todas as "avoas e bisavoas que fixeron posible que estamos aquí".
Na mesma época de Josefa e todas esas avoas apenas se coñecen figuras femininas, máis alá de Emilia Pardo Bazán (1851-1921) ou, ou pouco antes, Concepción Arenal (1820-1893), pero "hai tantas como elas" que non se coñecen agora que non queren que lles volva a pasar a máis mulleres e buscan "poñer luz a outras mulleres porque antes non se podía".
O seu titor destaca que esta iniciativa é a actividade académica "ideal" pola relevancia que colleu e pola "ilusión" que xerou entre o alumnado e entre as condecoradas. "Que o alumnado se implique" non é algo sinxelo de conseguir e, neste caso, a implicación foi total.
Foi o propio alumnado o que fixo a selección das mulleres destacadas da cidade de Pontevedra e recoñece que "non foi unha tarefa fácil porque non nos aparecen mulleres en seguida". Hai moitas, pero fálase pouco delas.
- Política: Ángela Rodríguez Martínez, Pam, secretaria de Estado de Igualdade, e Marta Gómez Martín, secretaria xeral de Galiza Nova.
- Automoción e Enxeñería mecánica: Marisa Quintairos, profesora do CIFP A Xunqueira.
- Artes: Lupita Hard, grafiteira coñecida en Vigo polas súas intervención feministas en farois.
- Deporte: Bárbara García, piragüista e especialista nos ámbitos do salvamento e o socorrismo.
- Literatura: Fina Casalderrey, escritora.
- Cine e TV: Cristina Maró, presentadora e actriz.
- Teatro: Andrea Bayer, fundadora de Baobab.
- Ciencia: Montse Pérez Rodríguez, científica do Instituto Español de Oceanografía (IEO).
- Educación e docencia: Carmen Quinteiro Moreno, profesora de A Xunqueira I.
- Tecido empresarial: Diana Lameiro Aznar, natural de Ponte Caldelas e con dúas clínicas de logopedia e acción multidisciplinar.
- Moda, empresa téxtil e comercio: Clarita de Almacenes Clarita “pola súa figura e o seu peso no comercio pontevedrés”.
- ONG: Conchi Vázquez, directora de Cáritas Interparroquial.
Josefa Fariña foi unha muller empoderada
Empoderada, forte e calada.
Josefa Fariña somos todas as mulleres, máis todas xuntas non somos ela.
Josefa leva a dor na ollada
a dor de saber, de entender e de non poder dicir nada...
Josefa Fariña foi uha muller murmurada.
Por traballar, por vivir, por avanzada...
Por ser libre, por loitar, por cambiar o pasado
Por buscar unha nova entrada
para todas nós, para todas as irmáns da alma.
Máis co noso traballo, o pasado a mirará a cara.
Coa luz doutras irmáns secaremos as súas bágoas
con pano de prata e man dorada
poñendo en valor o que outros por mal, sempre daban
e alto berraban...
e ela por medo agochaba.
Con este traballo, de pluma e luz
a moitas outras daremos alma
e do seu nome faremos gala.
Gracias
SRV
Relacionadas:
-
Concentración na Xunqueira polo peche da actividade presencial en tres ciclos: "É unha clara maniobra para seguir privatizando a educación pública"
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
Rebelión no CIFP A Xunqueira pola eliminación da formación presencial en tres ciclos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os primeiros premios Josefa Fariña recoñecen o valioso traballo afastado dos focos de doce mulleres
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Domingo para saborear "pan de millo" no Salón do Libro
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Olladas disidentes desde A Xunqueira para espertar conciencias e buscar unha igualdade real e efectiva
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
O legado de Sesé: un orfo de violencia de xénero que loita pola igualdade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O CIFP A Xunqueira, pioneiro en ofertar o ciclo de Promoción de Igualdade de Xénero
Por Oskar Viéitez |