Máis de medio millón de euros para mellorar camiños nas comarcas de Pontevedra e O Morrazo
Por Redacción
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural destinará unha achega de 588.073 euros aos dez concellos das bisbarras de Terras de Pontevedra e da zona norte do Morrazo para obras de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.
As actuacións realizaranse ao abeiro do Plan Marco da Xunta de Galicia 2022-2023 e deunas a coñecer este luns o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.
Luis López informou desta resolución despois dunha visita ás obras realizadas na aldea de Nores, en Vilaboa, coa anterior convocatoria. Acompañárono o xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo; o alcalde de Vilaboa, César Poza; e outros representantes municipais.
As obras de reasfaltado de pistas en Nores foron executadas coa achega íntegra de 39.249 euros do Plan Marco 2021-2022. Esta actuación consistiu na renovación do firme en diversos tramos, que se atopaban deteriorados pola antigüidade da capa asfáltica, a carga de tráfico e os efectos da meteoroloxía.
Na nova convocatoria o programa para Vilaboa increméntase este ano nun 25% ata alcanzar os 48.966 euros.
A resolución da Consellería do Medio Rural destina 72.041 euros a Pontevedra, 45.726 euros a Marín, 48.339 euros a Bueu, 117.377 euros a Cerdedo-Cotobade, 50.697 euros a Campo Lameiro, 65.118 euros á Lama, 49.279 euros a Poio, 48.966 euros a Vilaboa, 47.006 euros a Barro e 43.164 euros a Ponte Caldelas.
O delegado territorial explicou que este programa busca a mellora das pistas municipais de uso agrícola, "algo que é fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a estas tarefas do campo".
Ademais, a aposta pola colaboración cos concellos refórzase aínda máis nesta nova convocatoria, xa que a partida increméntase de xeito considerable, entre un 20% e un 30% en todos os casos, con respecto a 2021.