Aumenta a demanda de compost elaborado nos centros comunitarios de San Salvador
Por Redacción
O uso dos Centros de Compostaxe Comunitario instalados na parroquia de San Salvador non deixa de medrar, segundo constatan os informes da mestra composteira encargada de xestionar estes dispositivos, nos que se reflicte un importante crecemento na demanda de compost neste primeiro trimestre do ano.
Nas últimas semanas estanse a rexistrar xornadas nas que se fan entrega dunha media de máis de 50 sacos diarios, polo que, de seguir a este ritmo, probablemente se melloren as cifras acadadas ao longo de todo 2021.
Durante o pasado ano, só o composteiro situado nas inmediacións de Ferreirós e do parque Rosalía de Castro tratou 60 toneladas.
Con respecto á obtención de compost, desde o Concello de Poio lémbrase que este permanece a disposición da cidadanía de Poio, de xeito gratuíto. A súa utilización supón un importante beneficio para o tratamento de terras, hortas ou macetas, provocando, ademais, unha redución no uso de produtos químicos, o que redunda de xeito positivo no coidado do medio ambiente.
Os beneficios no uso deste sistema tamén teñen unha consecuencia favorable a nivel económico, xa que, grazas ás medidas aplicadas en materia de recollida selectiva e á boa resposta por parte da veciñanza no uso dos composteiros, Poio conta coa bonificación do 10% no canon de Sogama pola xestión de residuos urbanos, acadando un aforro de algo máis de 50.000 euros.
Por outra banda, o Concello lembra que entre os restos orgánicos que se utilizan para elaborar o compost non se inclúen restos de poda ou plantas. Este tipo de residuos deben depositarse no Punto Limpo Móbil, que, con carácter itinerante, percorre todas as parroquias do municipio semanalmente. En caso de que se traten de grandes cantidades tamén se pode facer uso do servizo de recollida a domicilio de voluminosos, chamando ao 986771185, en horario de 9.00 a 13.00, de luns a venres.
Relacionadas:
-
O colexio de Viñas xa conta cun segundo recipiente para xerar compost
Por Oskar Viéitez |
-
Comeza a entrega dos novos composteiros individuais para a veciñanza de Poio
Por Redacción |
-
A empresa Berca Group subministrará os 800 composteiros que Poio repartirá entre a veciñanza
Por Redacción |
-
O Xoves santo sen recollida de lixo será compensado cun reforzo do servizo durante o venres
Por Redacción |
-
A reciclaxe de envases e vidro aumentou en Poio o pasado ano
Por Redacción |
-
Poio pagará menos a Sogama
Por Redacción |
-
O Plan Revitaliza reparte 100.000 euros para mellorar a xestión de residuos en oito concellos
Por Redacción |
-
Sogama imparte sesións formativas en centros escolares de Poio, Sanxenxo e Vilanova
Por Noticia patrocinada |
-
O composteiro de Ferreirós consolida su crecimiento no inicio do ano
Por Redacción |