Os veciños arrancan ao Concello o compromiso de arranxar unha serie de "deficiencias" no parque de Campolongo
Por Oskar Viéitez
A Asociación veciñal San Xosé de Campolongo arrincou ao Concello de Pontevedra o compromiso de "emendar unha serie de deficiencias históricas existentes " na zona do parque así como da Praza da Constitución.
Foi nunha reunión mantida o pasado xoves día 10 de marzo entre a Xunta Directiva desta Asociación e a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Rural.
Segundo trasladan desde este colectivo veciñal, na devandita reunión a Concellería comprometeuse á limpeza dos bancos existentes diante da Igrexa así como a limpeza dos bancos de madeira interpostos entre os bancos de pedra.
Tamén prometeron resolver o encharcamiento que se produce nas zonas de terra que limitan coas que están pavimentadas. "O compromiso adquirido pola Concellería é que ditas obras estarán resoltas antes da festividade de San Xosé", aseguraron desde a asociación.
Ademais, o Concello substituirá os bancos da Praza de Constitución que están debaixo das árbores, e os da zona tapada do Río Gafos situada entre as Rúas Iglesias Vilarelle e Alcalde Hevia. "Debemos lembrar que estes últimos bancos teñen unha antigüidade superior a 40 anos, foron os iniciais da urbanización de Campolongo, xa era hora".
Os veciños tamén conseguiron que o Concello retire o "adefesio" de valo que impide o acceso por encima da zona tapada do Río Gafos desde Iglesias Vilarelle ata Xeneral Rubín, "iso si, substituíndoa por outra de menor altura" dun metro e medio e de cor verde, "así como o aumento de sendas que melloren os accesos aos colexios, tanto en canto non se execute a gran ansiada obra de Destape e Mellora da Contorna do Río Gafos".
Esta Asociación xa mantivo outro encontro, o pasado mes de febreiro, co concelleiro de Deportes, Tino Fernández, na que lle trasladaron as súas queixas "máis ben, cabreo" polo "lamentable estado no que se atopan as pistas deportivas de Campolongo" aínda non están rematadas, máis de dous anos da posta en funcionamento da piscina. "A pesar do tempo transcorrido, non están instaladas as porterías nin as canastras de baloncesto, nin pintado o chan, nin hai iluminación".
Segundo estes veciños, o concelleiro aseguroulles que "como máximo, no mes de xuño estará totalmente rematado o proxecto, e resoltas as deficiencias denunciadas", respecto a a pista máis grande. En canto á máis pequena (a lindeira co colexio), están en conversacións coa Dirección do colexio para definir como vai quedar definitivamente.
Os veciños apremaron ao edil a que antes do mes de xuño "vaian adiantando algunhas actuacións, comprometéndose a instalar as porterías de fútbol, o pintado do chan, e a instalación da iluminación en días próximos, antes da celebración do patrón do barrio".
Relacionadas:
-
Substituirán os valos de obra da cuberta do Gafos por un valado provisional "máis estético e seguro"
Por Redacción |
-
As pistas de Campolongo recuperan as súas porterías
Por Redacción |
-
Os veciños de Campolongo piden o inicio da obra de descuberta do tramo urbano do Gafos neste mandato
Por Anxo Lourido |
-
Veciños de Campolongo reclaman o arranxo urxente das pistas deportivas
Por María José Pita |