Dous anos despois, Pontevedra volverá tinguirse de verde polo San Patricio
Por Manu Otero
O día de San Patricio volverá celebrarse este ano en Pontevedra despois de dous anos de ausencia pola pandemia da covid-19 entre o mércores 16 e o domingo 20 de marzo.
A décima edición deste festival edición chega cunha irresistible proposta na que a cervexa volverá ser a protagonista, pero estará maridada con música en directo, actividades para os máis pequenos, un stand solidario de recollida de produtos non perecedoiros para Ucraína e un partido conmemorativo de rugby.
Unha combinación de ingredientes que garanten o éxito dun evento cuxa programación foi presentada esta mañá na Praza de España pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o presidente do Mareantes Rugby Club, Roberto Juncal; un dos veteráns do plantel, Francisco Lusquiños, e o autor do cartel promocional, Rafa Prieto. Tal e como subliñou Blanco, o principal obxectivo desta celebración “é o de financiar a actividade deportiva do club, en especial, a relacionada coas categorías inferiores, que supoñen o seu maior motivo de orgullo e responsabilidade”.
O festival apostará unha vez máis polo produto local, tanto no eido gastronómico como no plano lúdico ecultural. Todos os grupos musicais participantes son de Pontevedra: Gran Garaje, Algo pasa con Mary, Jugones, Desconcerto e Son das Tabernas.
Os concertos celebraranse cada dia ás 19 e 22 horas, salvo o domingo, que está prevista unha sesión vermú. Ademais a carpa abrirá todos os días en horario de 13 a 24 horas, salvo o domingo que pechará as súas portas despois da quenda de comidas.
A principal novidade desta décima edición será a visita dunha trintena de xogadores do club alicantino Elche Rugby Club Unión para gozar da festa e disputar un partido conmemorativo amistoso coa sección veterana do Mareantes Rugby Club, que terá lugar o sábado 19 no campo de Monte Porreiro a partir das 12:00 horas.
O club reservará novamente un espazo específico para contribuír no ámbito da responsabilidade social, en concreto, para colaborar coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína. Deste xeito, habilitarase un stand para a recollida de donativos.
O presidente do Mareantes amosou a súa ledicia por “poder regresar un pouco á normalidade despois de dous anos sen organizar unha festa que o club emprega para recadar fondos de cara a manter as súa infraestrutura, categorías inferiores e organigrama, e a volver saír e xuntarnos, sempre coas medidas de seguridade. Aínda que tivemos que retocar un pouco o tema da comida, que é onde máis se ten notado os incrementos, mantivemos os prezos, polo que serán os mesmos do ano pasado", asegurou Roberto Juncal.
Relacionadas:
-
Un brinde das autoridades cos Mareantes inaugura a carpa de San Patricio
-
Xa está aberta a carpa da praza de España para celebrar San Patricio cos Mareantes
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
O espazo 'Gastro' do Mercado celebra San Patricio con menús especiais, música e moita cervexa
Por Oskar Viéitez |
-
San Patricio achegará unha cata comentada de cervexas artesás ao Espazo Gastronómico do Mercado
Por Redacción |
-
O Samaín Fest, animación para a ponte de Defuntos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |