Membros da comunidade universitaria maniféstanse contra a guerra de Ucraína
A facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, como membro da Rede do Plan de Escolas Asociadas (PEA) da UNESCO, realizou na mañá deste mércores 16 de marzo a lectura dun manifesto en contra da guerra de Ucraína.
A través deste escrito realizado pola coordinadora española da PEA, Luisa Márquez, pretenden mostrar o seu rexeitamento a todos os ataques armados, facendo fincapé no caso de Ucraína polos últimos sucesos acontecidos no país.
Durante o acto, ao que foron convidadas todas as persoas da comunidade universitaria, recordaron o seu carácter simbólico. "Aínda que as nosas palabras non sexan escoitadas por quen pode acabar con esta guerra, o noso compromiso cos valores da UNESCO impídenos quedar en silencio na nosa impotencia" declaraban ao comezo.
Ao longo do discurso, destacaron a situación das persoas ucraínas menores de idade, sinalando que se lles están a arrebatar todos os seus dereitos, como a educación, a liberdade, a saúde, o xogo e ata a familia. Ademais, lamentaron o trauma que o conflito bélico lles causará para o resto das súas vidas.
Como peche final, unha estudante recitou un poema escrito por unha docente da facultade, Elvira Riveiro Tobío, baixo o nome 'Basta'. Nos seus versos volveuse a criticar todo tipo de violencia para logo rematar agradecendo "ás palabras plantadas nas landas da paz".
Relacionadas:
-
Medio centenar de docentes da Universidade de Vigo integran a nova Cátedra Unesco
Por Oskar Viéitez |
-
Lores ve "absolutamente preocupante" a crise creada pola guerra en Ucraína e esixe "acabar con este masacre"
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Repasamos a Historia para ver con perspectiva a guerra aberta en Ucraína
Por Marisa Ciordia |
-
Chega a Vilagarcía o autobús con 31 persoas refuxiadas fretado pola asociación Galucrania
Por Oskar Viéitez |