Lores ve "absolutamente preocupante" a crise creada pola guerra en Ucraína e esixe "acabar con este masacre"
Por Alejandro Espiño
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, expresou este mércores a súa "profunda preocupación" ante a situación que a invasión de Rusia a Ucraína está a provocar a nivel global, máis aló da evidente e prioritaria crise humanitaria que supón esta guerra.
Entende Fernández Lores que todos debemos esixir "de xeito contundente" que se deteña este conflito armado e que se retome a vía do diálogo "para acabar con este masacre".
"É un clamor popular", insistiu o rexedor pontevedrés, que ten claro que manter esta guerra "non resolve nada", porque este tipo de comportamentos bélicos, como o que mantén Rusia en Ucraína, "nunca traen nada bo e só xeneran morte e miseria".
Deter esta guerra "é a única saída", segundo o alcalde, para frear a crise económica que este conflito está a crear non só en Rusia senón en todo o mundo.
A falta de subministracións está a afectar á actividade de numerosas empresas, tamén en Pontevedra, que xa se expoñen deter a súa produción ou enviar de novo aos seus traballadores a un ERTE, ao que se suma o encarecemento da luz ou dos combustibles.
Este aumento do custo da vida en produtos básicos, advertiu Fernández Lores, está a levar a un "empobrecemento" da sociedade, o que ten un efecto dominó na economía porque "se as familias non chegan a fin de mes, o consumo retráese".
Por iso é polo que o alcalde, en nome de todos os pontevedreses, reclamase aos organismos internacionais que "presionen" para poñer fin á invasión rusa porque "canto máis dure todo isto, máis dano se está provocando a todos".
A guerra en Ucraína será un dos temas que se tratará no pleno da corporación municipal de Pontevedra que se celebrará o vindeiro luns 21 de marzo.
Será a través de dúas mocións, unha presentada por BNG e PSOE e outra polo PP, despois de que os tres partidos non chegasen a un acordo para acordar unha declaración institucional.
Ademais, o edil non adscrito Goyo Revenga instará a debater sobre a implantación de zonas de baixas emisións na cidade e o PP presentará a súa iniciativa para axilizar a concesión de licenzas urbanísticas e de actividade comercial en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Alertan da necesidade de pisos baleiros para albergar poboación ucraína
Por Redacción |
-
Nin a guerra en Ucraína leva o consenso ao pleno municipal de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Partido Popular pide a Formoso que "haga imperar la lógica" no PSOE de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Membros da comunidade universitaria maniféstanse contra a guerra de Ucraína
Por Raquel Currás Martínez |
-
RADIO.- Repasamos a Historia para ver con perspectiva a guerra aberta en Ucraína
Por Marisa Ciordia |
-
Chega a Vilagarcía o autobús con 31 persoas refuxiadas fretado pola asociación Galucrania
Por Oskar Viéitez |
-
O PP propón a concesión de licenzas municipais en menos de dous meses a través de entidades certificadoras
Por Redacción | Creada e actualizada