Barro pon fin ás perdas de auga no depósito municipal de reserva
Por Redacción
Aumentar a eficiencia deste servizo e evitar as perdas de caudal. Ese foi o obxectivo das obras de impermeabilización que o Concello de Barro executou no depósito municipal de reserva.
Nesta construción, con capacidade para dous millóns de litros de auga, fixéronse traballos de limpeza e impermeabilización interior e exterior das paredes e o piso do depósito, así como de pintado exterior para mellorar o seu aspecto estético.
As obras contaron cun orzamento de 27.563 euros, que se financiou con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra e foron executadas pola empresa Okana-21.
Esta actuación forma parte dun plan de traballo para a mellora do servizo de auga, con actuacións no depósito de subministro, na limpeza e coidado dos mananciais ou na instalación de mecanismos de control e contabilización de caudal nas entradas e saídas dos depósitos.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, afirma que "traballamos arreo" para mellorar este servizo e minimizar todo o posible as perdas de caudal, "xa que a auga é un ben moi prezado e ter unhas instalacións en bo estado será fundamental nun ano de seca".