O feminismo pontevedrés mostra a súa repulsa polo asasinato de Mila Marchetti, un caso que pon "os pelos de punta"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O feminismo pontevedrés volveu saír á rúa este mércores para manifestar a súa repulsa por un novo asasinato machista. Neste caso, ás 19.00 horas un grupo de persoas concentrouse na praza da Peregrina para rexeitar o crime de Mila Marchetti, veciña do Carballiño de 38 anos natural de Brasil cuxo corpo apareceu nun contedor de lixo a pasada fin de semana.
"Sentímonos abrumadas polas circunstancias nas que foi atopado o seu corpo sen vida", sinalaron a través dun manifesto as persoas asistentes á protesta, convocada polo Colectivo Feminista de Pontevedra.
Mila estaba casada co fillo do responsable do club de alterne Ninfas, onde ela traballaba como camareira, e desde o Colectivo Feminista sinalan que "tamén exercera a prostitución, pero supostamente xa non". Ante esta circunstancia, vinculan a súa morte coa prostitución e piden "a abolición do sistema prostitucional".
"España é país de puteros e proxenetas. Mentres isto non mude. Mentres a vida das mulleres non importe, seguiremos tendo moitas Milas", denuncian a través dun manifesto que se leu na praza.
Sinalan, ademais, que "estrañas circunstancias engloban este caso", e que resulta "inadmisible" que esas circunstancias "estean a influír no tratamento do seu caso". Por iso é polo que demandan a implicación das autoridades para esclarecelo. "Queremos que se siga a investigar, que non quede no esquecemento", reclaman.
O manifesto lembrou que acudiu a un bar con signos de desorientación, con fame, e repetindo que querían matar, que a súa filla escapaRA da casa e marchara sen obxectos persoais, pero cando os donos do bar quixeron chamar a policía, negouse. Tamén que foi atendida por gardas civís horas antes de ser atopado o seu corpo no punto limpo, e mesmo foi trasladada ao PAC do Carballiño e os axentes sospeitaban de que estaba sendo vítima de maltrato.
Critican, ademais, que "nas últimas horas tivemos que escoitar como o sogro da vítima e proxeneta do club Ninfas en Maside manifestou que non era un bo momento para Mila, que supostamente estaba pasando unha depresión" e sinalan que neste caso volve a parecer "o mito das mulleres tolas, esaxeradas, xa o coñecemos...".
En xeral, todo o que engloba este caso "déixanos os pelos de punta", sinalan desde este colectivo pontevedrés, que cre que quedan moitas incógnitas por resolver e que "como Mila hai moitas", mulleres que aparecen en descampados, que en moitos casos non son reclamadas por ninguén porque son prostituídas. "Non debería haber persoas de primeira, segunda e terceira, pero por desgraza as mulleres prostituídas son consideradas como tal", denuncian.