Samuel Kwesi espera "ata o último momento" para ver se ten forzas para ir ao funeral conxunto polas vítimas
Por Natalia Puga
Samuel Kwesi Koufie, un dos tres sobreviventes ao naufraxio do pesqueiro 'Villa de Pitanxo’, aínda non decidiu se acudirá ao funeral conxunto polos 21 falecidos e desaparecidos no naufraxio en augas de Terranova previsto para este venres 18 de marzo no Templo Novo de Marín. Para este mozo "é unha carga moi forte" acudir ao acto e esperará "ata o último momento, a ver" se se atopa con forzas para acudir.
Así o trasladou este xoves Julio Torres, pastor evanxélico de Marín que actúa como portavoz de Samuel e revelou que este mozo natural de Ghana empezou a saír de casa e está "con tratamento psicolóxico". De momento, segue "en shock" e o seu amigo indica que "estes shocks, ás veces, ao cabo das semanas vén un efecto rebote que che fai revivir aínda con máis forza o que ocorreu, que foi moi forte".
Torres explicou que para as familias o funeral, ao que está previsto que acudan os Reis de España, "vai ser un momento importante, porque volverán estar xuntas outra vez" e desde o último encontro de todas xuntas fai tres semanas "é moi distinto todo". A pesar de que algúns mariñeiros non profesan a fe católica, farase un funeral conxunto e "por solidariedade, estarán os 21".
Chegan a este acto relixioso "tristes" e sen ter tempo a comezar o duelo, pois "non houbo tranquilidade para eles". Non lles deixou repousar, segundo Julio Torres, "a súa pelexa coa administración", porque "tanto que lles prometeron, pero aínda non se traduciu en dicir: hai un operativo de procura" e polas informacións que se foron coñecendo do naufraxio, entre elas, a entrevista concedida esta semana polo patrón, Juan Padín, tamén sobrevivente xunto ao seu sobriño, Eduard Rial.
Sobre esta entrevista, segundo Julio Torres, Samuel está "indignado". Este mariñeiro natural de Ghana declarou ante a Garda Civil e a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) unha serie de neglixencias do patrón que levaron á Audiencia Nacional a abrir unha investigación e o patrón acúsalle de mentir. El mantense na súa versión e Torres asegura que "se alguén cre que ten detrás algún tipo de presión, non, non ten ningunha".
"Un mariñeiro inmigrante, con papeis, que xa estivo en Gran Sol, en Malvinas, en Terranova, que motivación pode ter para poñer en contra súa a xente poderosa, a sectores poderosos? Que gana? El non gaña nada", asegura o seu portavoz, que advirte que el, que é unha vítima do naufraxio, pode mesmo acabar "endebedado" polos gastos do proceso xudicial e que "non pide nada, non denuncia a ninguén", pero decidiu falar porque "di: teño un compromiso e Deus non me salvou pare dicir agora mentiras".
A pesar de que lle apetecería falar coa prensa e contar a súa versión, decidiu non facelo e contalo tan só ante a Xustiza porque "entende que isto é unha batalla longa e que do seu testemuño depende tamén a verdade do que ocorreu".
As familias están moi agradecidas con el por ser "valente" e contar os feitos e el tería ganas de falar on eles e contarlles tamén o ocorrido, pero non o fará ata que se aclare todo nos tribunais, pois "sabe que iso para a causa non sería bo".
Unha vez finalizado todo, "Samuel non ten ningún problema en mirarlles aos ollos a cada un deles" e falares do ocorrido o 15 de marzo en Terranova. Segundo Julio Torres, "el sabe que as familias non é que lle apoien porque lles interese a súa versión, apóiano porque o ven próximo".
Relacionadas:
-
O Goberno defende a súa "intensa actividade diplomática" para retomar a busca dos aínda desaparecidos
Por Alejandro Espiño |
-
Os Reis acudirán ao funeral conxunto polas vítimas do Villa de Pitanxo en Marín
Por Natalia Puga |
-
Haberá un funeral conxunto polos 21 falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |