Os Reis acudirán ao funeral conxunto polas vítimas do Villa de Pitanxo en Marín
Por Natalia Puga
Os Reis de España, Felipe VI e Letizia, acudirán este venres 18 de marzo ao funeral conxunto polos 21 tripulantes falecidos no naufraxio do barco Villa de Pitanxo en augas de Terranova (Canadá) hai un mes, o 15 de febreiro.
Así o confirmou este xoves María José de Pazo, portavoz das familias dos desaparecidos e falecidos no naufraxio. Ademais, PontevedraViva puido confirmar que, tras o acto relixioso, haberá un encontro dos Reis coas familias.
O funeral oficiarao o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e celebrarase ás seis da tarde no Templo Novo de Marín. Tamén está previsto que acudan o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas; e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
A cerimonia lembrará aos nove mariñeiros cuxos corpos puideron ser recuperados en Terranova e os doce tripulantes que, a pesar de ser declarados oficialmente como falecidos, continúan desaparecidos.
Puideron recuperarse e enterrarse en España e Perú os corpos de Fernando Santomé, Juan Antonio Cordeiro, William Arévalo, Rogelio Franco, Miguel Lumes, Ricardo Alfonso Cruz, Apaanah Pelungo e os curmáns Daniel More e Diego More.
Mentres tanto, seguen desaparecidos os mariñeiros Fernando González, Ricardo Arias, Raúl González, Francisco de Pazo, Edwin Córdova, Edemon Okutu, Juan Martín Frías, Michael Tetteh, Francisco Manuel Navarro, Jonathan Calderón, Martín Quino e Pedro Herrera.
Relacionadas:
-
O Goberno defende a súa "intensa actividade diplomática" para retomar a busca dos aínda desaparecidos
Por Alejandro Espiño |
-
Samuel Kwesi espera "ata o último momento" para ver se ten forzas para ir ao funeral polas vítimas
Por Natalia Puga |
-
Haberá un funeral conxunto polos 21 falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |