O Goberno defende a súa "intensa actividade diplomática" para retomar a busca dos aínda desaparecidos
Por Alejandro Espiño
Aínda que recoñecen que "lamentablemente" ata o momento as xestións realizadas non chegaron a bo porto, o Goberno defende a "intensa actividade diplomática" realizada para retomar a procura dos mariñeiros aínda desaparecidos tras o naufraxio do Villa de Pitanxo.
Así llo trasladou ás familias da tripulación do pesqueiro de Marín o director do gabinete da Presidencia do Goberno, Óscar López, que lles remitiu unha carta en nome do titular do executivo central, Pedro Sánchez.
Nunha resposta a unha comunicación previa dos familiares, que solicitaban que se retomase a procura das doce persoas cuxos corpos non foron recuperados, o Goberno asegura que "non abandonou os seus esforzos" para que estes traballos continúen.
Sánchez, segundo o seu xefe de gabinete, está "persoalmente implicado" en todas as xestións que está a realizar España coas autoridades canadenses, coas que manteñen un labor diplomático para que autoricen o regreso dos medios de salvamento ao lugar do naufraxio.
A este respecto, o Goberno asegura que a embaixada española en Canadá "non escatimou medios" para cumprir co traballo encomendado, aínda que non se produciran avances,
O executivo español destaca na súa misiva o "esforzo encomiable" dos buques pesqueiros que faenaban na zona para tratar de localizar e recuperar os corpos dos desaparecidos, xa que demostraron "un compromiso e unha solidariedade exemplares".
Tras recoñecer a "impotencia" que deben sentir os familiares, aos que o Goberno traslada "a nosa solidariedade e profundo pesar", a carta oficial conclúe que Pedro Sánchez "mantén o compromiso que adquiriu cos familiares dos desaparecidos".
"Confiamos en que grazas ao esforzo de todos a procura dos desaparecidos poida dar o resultado que esperamos", sentencia o Goberno.
DECEPCIÓN NAS FAMILIAS
Despois de recibir esta misiva, as familias aseguran estar "decepcionadas" ao non ver recollidos os compromisos que lles trasladou o propio Pedro Sánchez tras a chegada a Santiago dos tres sobreviventes do naufraxio e de cinco dos falecidos.
Avanzan que responderán tamén por carta ao presidente do Goberno, pero adiantan que a posibilidade de baixar ata o barco para comprobar se hai falecidos no seu interior "é posible" e para iso "só hai que ter vontade e xestionalo".
Relacionadas:
-
Samuel Kwesi espera "ata o último momento" para ver se ten forzas para ir ao funeral polas vítimas
Por Natalia Puga |
-
Os Reis acudirán ao funeral conxunto polas vítimas do Villa de Pitanxo en Marín
Por Natalia Puga |
-
As familias, enfadadas co patrón, que rompe o seu silencio "sen nin sequera dar o pésame, só para defenderse el"
Por Natalia Puga |