Os sindicatos convocan unha manifestación o día 23 contra a subida de prezos
Por Manu Otero
Os sindicatos Comisións Obreiras e UXT convocan unha manifestación o día 23 de marzo en Pontevedra co obxectivo de mostrar o malestar de toda a cidadanía pola subida xeral dos prezos. A cita está prevista para as 19.30 horas na praza do Hospital Provincial para terminar na praza da Peregrina.
Con esta iniciativa, que se realizará de forma simultánea a nivel nacional, os convocantes pretenden presionar ao Goberno para que tome medidas canto antes para controlar os prezos da luz e dos combustibles principalmente."Desto depende a economía de moitas familias e a viabilidade de moitas empresas", advirte o secretario comarcal de UXT, Ramón Vidal.
Alerta o dirixente de que en próximas datas chegará o momento de negociar os convenios colectivos en moitos sectores e os empresarios parecen non estar polo labor de adecuar os salarios acorde á inflación actual, co que a clase traballadora perderá aínda máis poder adquisitivo.
Nun ton similar pronunciouse o secretario de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, quen non comprende como o Goberno non tomou aínda "medidas rápidas, nin tampouco provisionais, para a cidadanía". Regular o prezo do gasóleo debería ser, ao seu entender, unha das principais prioridades.
"Estamos preto da parálise económica", advirte Pedrosa para animar a toda a cidadanía a participar na manifestación. "Non é unha manifestación dos sindicatos, é unha manifestación cidadá", puntualiza o portavoz dos traballadores sobre unha marcha na que participarán tamén colectivos veciñais e de autónomos de toda Galicia.
"Hai que traducir o malestar nunha protesta ampla para presionar ao Goberno e á Xunta", remata o secretario de Comisións Obreiras.
No manifesto, os convocantes esixirán ao Goberno o cambio do sistema de fixación do prezo da electricidade, poñer coto aos beneficios extraordinarios e abusivos das eléctricas, a aceleración dos investimentos para reducir a dependencia enerxética externa, a protección ás familias, o apoio á industria, agricultura, gandería e pesca; a activación do sistema REDE para protexer o emprego e a regulacion dos prezos do alugueiro de vivendas.
Relacionadas:
-
O PP propón un plan municipal de axudas de ata 600 euros para reducir a factura enerxética a familias vulnerables
Por Redacción |
-
UXT e CCOO piden na rúa medidas "urxentes e contundentes" contra a subida de prezos
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Petición do PP á Deputación dun plan de axuda aos Concellos nos gastos de luz, combustible, gas e materiais
Por Redacción |
-
Volven as protestas contra a reforma das pensións ás rúas de Pontevedra
Por Redacción |
-
A CIG sae á rúa na defensa do sistema público de pensións
Por Oskar Viéitez |
-
Os sindicatos piden emprego, pero que sexa digno
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez |