O PSOE pide no Parlamento a reforma do colexio Froébel
Por Redacción
A deputada pontevedresa Paloma Castro insta ao goberno galego a iniciar o proxecto de reforma do CEIP Froebel, que leva máis de dez anos paralizado.
A Consellería de Educación aprobou no ano 2010 un proxecto de reforma desta escola dotada dun investimento de 1,8 millóns de euros, pero “doce anos despois este proxecto está aínda sen executar”, censurou a voceira socialista. “Dende entón, fixeron algunhas reformas puntuais, pero seguen sen solucionar a súa principal demanda histórica que é a cuberta”, incidiu.
“Cada vez que chove, o colexio é un cadro: o profesorado vese obrigado a encher de cubos o patio de recreo, que é o ximnasio, ou os corredores anexos que levan ás aulas”, denunciou Castro. “Esta situación é inasumible para un centro de ensino público”, denunciou.
Ante a “inacción” da Xunta, Castro pediu ao executivo galego que “actualice” o proxecto ás necesidades actuais e que o execute.
“Defendemos un ensino público de calidade e, polo tanto, entendemos que non se pode concibir que unha escola pública estea cheo de cubos por mor das goteiras”, concluíu.