Un mozo con orde de afastamento da súa exmoza atropélaa no garaxe desta
Por Natalia Puga
Un mozo de 36 anos acudiu sobre as 20.45 horas da noite do venres á casa da súa exmoza, da que ten vixente unha orde de afastamento por un caso de violencia de xénero. Dentro do garaxe, atropelouna, causándolle lesións polas que a rapaza tivo que ser trasladada ao Hospital Montecelo de Pontevedra.
Así se recolle no relato dos feitos aos que tivo acceso a Policía Xudicial da Garda Civil. Nun primeiro momento, acudiron ao lugar dos feitos, no Casal (Noalla-Sanxenxo) dotacións da Policía Local e Protección Civil de Sanxenxo e os Bombeiros do Salnés, ao considerar que se trataba dun accidente de circulación con danos persoais, pero sen maiores implicacións.
A persoa que alertou do sucedido refería que a muller recén atropelada, duns trinta anos, podería estar atrapada debaixo do vehículo, de aí que se desprazasen ao lugar os bombeiros. Cando chegaron, xa estaba liberada e non foi necesaria a súa intervención.
Finalmente, sobre as 21.30 horas, foi requirida a presenza da Garda Civil, pois o suposto autor do atropelo, N.O.M, entrou no garaxe da vivenda da súa exmoza quebrantando a orde xudicial que lle impedía achegarse a ela. A continuación, teríaa atropelado co seu vehículo, conduta que podria levar consigo unha acusación de lesións ou mesmo superior, en función do resultado da investigación.
O condutor foi detido, aparentemente borracho e sen carné, e a súa presunta vítima, trasladada a Montecelo
O atropelo produciuse a escasa velocidade e a muller sufriu lesións que parece que non revisten maior gravidade. Segundo os Bombeiros do Salnés, unha primeira valoración refire que presentaba mazaduras e unha fractura nun brazo. De todos os xeitos, foi trasladada en ambulancia a Montecelo para sometela a unha exploración máis completa e tratala das lesións sufridas.
A consecuencia dos feitos, o condutor foi detido. Segundo fontes oficiais do caso, no momento do atropelo o home estaba aparentemente baixo os efectos do alcohol e conducía sen ter carné. Retiráranlle o permiso ante a perda de todos os puntos.
O home, N.O.M, foi trasladado a dependencias da Garda Civil, onde se lle tomará declaración en calidade de detido, se ben non transcenderon os posibles delitos que se lle poden atribuír.
Á espera de que sexa posto a disposición do Xulgado de Garda, todo parece indicar que podería ser acusado de delitos contra a seguridade vial, quebrantamento de condena (orde de afastamento) e lesións, pero a investigación aínda está moi recente para poder confirmar eses datos e a Garda Civil se mantén cauta.