Destinan máis de 250.000 euros á mellora da seguridade viaria en Pazos
Por Redacción
O Concello de Vilaboa saca a licitación unha importante obra en materia de seguridade viaria cun investimento de 255.450 euros para mellorar as condicións do firme da pista de Pazos, en San Adrián de Cobres.
Presenta un avanzado estado de deterioración do firme que favorece a acumulación de depósitos de auga en fochancas de considerables dimensións e que poñen en risco a seguridade na condución polo que a obra, ademais de ser urxente, require dunha actuación global.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, considera que un dos retos para este ano é xestionar o financiamento que o municipio necesita para "dar un salto cualitativo no que a servizos básicos se refire", á vez que o Concello avanza na consecución das infraestruturas que completen os seus equipamentos.
O Concello convocará aos veciños da contorna a unha reunión este domingo, na casa da comunidade de montes, para explicar este proxecto, que inclúe a mellora das redes de pluviais para a correcta drenaxe das augas, a segregación do tránsito peonil nunha senda á mesma cota que o firme nos tramos nos que sexa posible, a mellora da súa pavimentación e a reorganización do tráfico na praza da Fontaíña.
A obra dará especial importancia á senda peonil coa pavimentación con aplicación de slurry colorado sobre o firme finalizado e mediante formigón en masa colorado.
A pavimentación da praza da Fontaíña farase mediante lastra de granito silvestre de 10 centímetros de espesor. A actuación finalizará co pintado de marcas laterais e central de calzada mediante pintura reflexiva e microesferas de vidro, así como marcaxe de letreiros para sinalización horizontal.