Día da Auga, día para aparcar os libros e limpar a contorna do Gafos
Con motivo da celebración do Día Mundial da Auga, dous centros educativos, o IES Frei Martín Sarmiento e o IES Sánchez Cantón, colaboran coa Concellaría de Desenvolvemento Sostible e a asociación ecoloxista Vaipolorío para unha actividade de limpeza da contorna do río Gafos.
O motivo desta cooperación é a intención de concienciar á mocidade sobre a crise mundial da auga e a necesidade de buscar medidas para abordala de xeito que se alcance o 'Obxectivo de Desenvolvemento Sostible nº6: Auga e saneamento para todos antes de 2030'.
A xornada comezou cunha charla divulgativa baixo o título 'A importancia de coidar os nosos ríos'. Nela, Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío, explicaba ao estudantado a utilidade da auga e o perigo ao que están expostos os ríos por mor da acción humana. A pesar do mal estado do río Gafos, Sancho implorou que "as novas xeracións non debedes pensar que está todo estragado" e pediu manter a esperanza mentres se poñen en marcha para lograr os obxectivos.
'A TROPA DO CLIMA'
Así mesmo, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, presentou a iniciativa 'A tropa do clima', cuxo logo foi realizado por unha alumna do bacharelato de Artes do IES Frei Martín Sarmiento.
'A tropa do clima' ten orixe na creación dos Clubs Contra o Cambio Climático por parte dos profesores Manuel Fariña e Beatriz Trillo destes dous centros educativos, pioneiros neste ámbito. A partir de aí, levarase a cabo este proxecto para fomentar a creación de máis clubs similares noutros colexios ata poder crear unha rede a nivel municipal e facer actividades conxuntas entre todos ao longo do ano.
Puentes declarou que esta acción se encadra dentro das variadas iniciativas para as que están a buscar financiamento desde a concellería coa fin de liberar o Gafos, en especial a zona de Campolongo, e crear unha zona verde do tamaño de "doce estadios municipais de Pasarón" vinculada ao río.
A limpeza desenvolveuse ao longo da mañá deste martes día 22. O alumnado dividiuse en tres grupos que saíron cara o río para limpar a desembocadura, o tramo da rúa María Victoria Moreno e o paseo dos Gafos. Tras rematar, os 75 estudantes e seis docentes asistentes reuníronse para poñer en común a experiencia e debater sobre o aprendido.
Ademais, esta actividade forma parte do proxecto de innovación educativa 'EDUsostibilidade' do IES Frei Martín Sarmiento. Tamén se integra o proxecto artístico 'Fotografía en curso' por parte do alumnado de 3º e 4º da ESO e a realización dun documental por estudantes de primeiro curso do bacharelato de Artes do mesmo centro.
Relacionadas:
-
200 estudantes limparán a contorna do Gafos e plantarán carballos con motivo do Día da Auga
Por Redacción |
-
Instalan no Gafos seis hoteis para bichos
Por Oskar Viéitez |
-
Augas de Galicia avala o proxecto para liberar o río dos Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Substituirán os valos de obra da cuberta do Gafos por un valado provisional "máis estético e seguro"
Por Redacción |
-
Instan a Educación a aclarar o futuro do IES Frei Martín Sarmiento
Por Redacción |
-
Actos para informar á cidadanía sobre os seus dereitos no consumo e o funcionamento da factura da luz
Por Raquel Currás Martínez |
-
A figura da muller na arte, protagonista do novo deseño da Orbil Parade
Por Raquel Currás Martínez & Mónica Patxot |