Así é Poio Crea+, o espazo para o emprendemento no centro de formación da Reiboa
Por Redacción
O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, presentou este martes o proxecto que desde este departamento municipal se vai impulsar para dar vida a Poio Crea+.
Trátase dun novo espazo de emprendemento que habilitará nas dependencias do Centro de Formación da Reiboa, na Seca.
Esta ambiciosa obra conlevará unha importante mellora das instalacións, polo que servirá tamén para dar continuidade ás reformas que o Concello levou a cabo a finais de 2020.
Agís estivo acompañado por dirixentes e integrantes da Asociación de Empresarios EnPoio, con quen o edil do goberno local xa mantivo varias reunións previas para informarlles deste proxecto.
"Con esta actuación damos un paso moi importante á hora de ofrecer ao tecido empresarial e profesional de Poio un espazo a través do cal se fomente a creación empresarial, a xeración de emprego, riqueza e benestar social para o noso municipio", indicou o titular de Promoción Económica e Urbanismo, que sinalou que Poio Crea+ poderá albergar oficinas, salas de reunións e de exposicións, talleres e actividade empresarial.
Tal e como consta na memoria técnica, as obras contemplan importantes melloras tanto na pranta baixa como no primeiro andar.
"Con este proxecto queremos ir máis alá de acondicionar un espazo de coworking. Tamén aproveitamos a ocasión para dotar ás instalacións de unha mellor eficiencia enerxética, o que se traducirá nun menor consumo eléctrico, seguindo as pautas que marca a Axenda 2030", explicou o concelleiro socialista, que adiantou que a planta baixa pasará a contar "cun espazo único" que poderá ser compartido polos usuarios.
O orzamento do proxecto ascende a algo máis de 157.0000 euros. Trátase dunha actuación que será financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022.
Gregorio Agís sinalou que o proxecto ve a luz "tendo en conta as inquedanzas e necesidades que nos transmitían os e as profesionais do sector, a través da Asociación Enpoio e dos proxectos desenvolvidos no Proxecto Senda a quen queremos agradecer a súa implicación".
O edil de Promoción Económica e Urbanismo entende que esta actuación suporá "un antes e un despois" tanto para o municipio como, máis concretamente, para o Centro de Formación da Reiboa, que "xa na actualidade alberga unha actividade importante", ao acoller a oficina de orientación laboral e diferentes talleres de carácter formativo".
"No Concello somos conscientes da necesidade de poñer a disposición dos empresarios e empresarias locais e das persoas que apostan por poñer en marcha un negocio instalacións deste tipo", continuou Gregorio Agís, que se comprometeu a seguir traballado para que "desde Promoción Económica poidamos achegar ferramentas e propostas que axuden a fomentar a busca de emprego, o emprendemento e unha maior profesionalización".
Neste sentido, o edil do goberno local salienta que "estamos no bo camiño", tal e como reflicten os datos de paro correspondentes ao mes de febreiro, que marcan a porcentaxe máis baixa de desempregados en Poio (13,04%) nos últimos 15 anos.
Relacionadas:
-
Sae a licitación o espazo para emprendedores no centro de formación da Reiboa
Por Redacción |
-
A Deputación aproba novas achegas do Plan Concellos para Poio, Vilanova e Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
Poio pecha o primeiro trimestre coa cifra máis baixa de parados da década
Por Redacción |
-
O sector turístico cre necesario promocionar o Monte Castrove e as rutas de sendeirismo de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Unha trintena de traballadores reforzarán temporalmente o persoal do Concello de Poio
Por Redacción |