Petición do PP á Deputación dun plan de axuda aos Concellos nos gastos de luz, combustible, gas e materiais
Por Redacción
O Partido Popular provincial anuncia a presentación dunha moción para que se debata no pleno da Deputación e tamén nos Concellos da provincia. Nela expón a súa reclamación ao goberno bipartito da institución pontevedresa que elabore un plan económico específico para axudar aos pequenos e medianos concellos para facer fronte aos gastos que está a xerar o incremento das facturas da luz, do gas, do combustible e das subministracións.
Pepa Pardo, portavoz do PP provincial, demandará no pleno unha implicación directa para sufragar ese aumento de gastos corrente xa que, sinala, ascende nun 40 ou 50% respecto a outros anos. Pola contra, a deputada popular teme que os gobernos locais se atopen sen recursos para afrontar a prestación dos servizos municipais e cuestións de primeira necesidade para a cidadanía.
Pepa Pardo visitaba este mércores Marín, onde a alcaldesa María Ramallo tamén coincidía nesta reclamación recoñecendo que os concellos viven "practicamente ao límite" ante as subidas. Lembrou que a administración local carece de capacidade para obter diñeiro doutras partidas para enfrontarse a estes impostos elevados. Afirma que este problema, compartido con todos os concellos, deixa aos municipios nunha situación de "desequilibrio económico moi importante".
Marín duplicou o gasto en enerxía eléctrica, pero as subidas afectaron tamén ao combustible que repercute no traballo das brigadas municipais, ademais do efecto que os incrementos teñen nas empresas que traballan para a administración e que "ven desequilibrados os seus orzamentos e non poden realizar as súas obras, servizos e subministracións sen resultar gravemente afectadas", explica Ramallo.
A deputada popular Elena Estévez, que tamén visitaba Marín, argumentaba que se están vendo afectados servizos básicos de apoio ás persoas, porque se multiplican as axudas de emerxencia social de familias en situación vulnerable, que son incapades de asumir estes gastos das facturas. Asegura que hai familias que precisan axuda para pagar a vivenda ou os alimentos porque o custo aumentou nun 22%.
Relacionadas:
-
A Deputación rexeita destinar máis axudas aos concellos: "non temos unha máquina de fabricar diñeiro"
Por Oskar Viéitez |
-
A nova iluminación da Avenida de Ourense consegue un aforro enerxético do 26%
Por Redacción |
-
Os sindicatos convocan unha manifestación o día 23 contra a subida de prezos
Por Manu Otero |
-
A "desesperación" de comerciantes, hostaleiros e consumidores apaga a luz en Marín
Por Natalia Puga |
-
O comercio chama a apagar a luz o 17 de marzo en protesta contra o aumento de prezo
Por Raquel Currás Martínez |