"Se no canto do meu pai fora Felipe VI, que estaría a pasar agora mesmo?"
Decepción. Se hai un sentimento que este xoves une a todas as familias do Villa de Pitanxo é ese. Consideran "lamentable" que o Goberno descartase seguir buscando aos doce mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio alegando que é "tecnicamente inviable".
"Eu creo que o meu pai está dentro do buque e non o imos a poder recuperar, pero hai outras once familias que se merecen respecto e xustiza", sinalou Kevin González, fillo do engraxador do barco, que actuou como portavoz dos familiares.
Ás portas da Subdelegación do Goberno, onde as familias se reuniron cos responsables de Salvamento Marítimo e da Mariña Mercante, o fillo de Francisco González reiterou que todos eles "se merecen que se poñan os medios para tentalo".
Lamentan que lles dixeran que "non ían facer absolutamente nada" tras comprobar que "non hai ningunha forma de recuperar con certeza a ningún dos mariñeiros", xa sexa accedendo ao interior do buque ou reflotándoo.
Pero as familias insisten en que, se iso non se pode facer, polo menos se rastrexe a "posición orientativa" na que se atopa afundido o pesqueiro ou se mande algún robot ou a maquinaria técnica necesaria para poder localizalo e comprobar se hai corpos dentro.
"Entendemos perfectamente que as condicións son moi feas e que cos medios ao noso alcance, a pesar de ser moi avanzados, é complicado, pero se o obxectivo final é recuperar aos nosos familiares non entendemos por que non se poden dar eses pasos previos", dixo.
Kevin González subliñou que "sabemos perfectamente" que os robots non tripulados "poden baixar, facer un varrido da zona e ver se algún mariñeiro segue alí enredado ao aparello ou en calquera outra circunstancia", polo que as familias insistirán niso.
O portavoz dos familiares entende que "todo son intereses e isto non interesa" e deixou unha pregunta no aire "para que a sociedade deste país pense". Así, cuestionou que "se no canto do meu pai fora Felipe VI, que estaría a pasar agora mesmo?".
Relacionadas:
-
As familias do Villa de Pitanxo chaman a concentrarse o domingo: "Non nos imos a esquecer"
Por Redacción |
-
O BNG esixe ao Goberno que continúe a busca dos mariñeiros do Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
As familias do Villa de Pitanxo lamentan o "desamparo" do Goberno: "Hoxe somos máis viúvas e máis orfos"
Por Alejandro Espiño |
-
O rescate dos desaparecidos do Villa de Pitanxo é "técnicamente inviable"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Audiencia Nacional "non é competente", segundo a Fiscalía, para investigar o naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
Avanzan as investigacións sobre o naufraxio, agora centradas nas balsas salvavidas e os traxes que levaba a tripulación
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |