Os institutos Sánchez Cantón e SEK levan os seus proxectos a Galiciencia
Por Oskar Viéitez
Os institutos de Pontevedra, Sánchez Cantón e SEK, levarán os seus proxectos á Galiciencia, a maior feira científica de Galicia que se celebra entre o 20 e o 22 de novembro na Tecnópole, en Ourense, con equipos das catro provincias e coa previsión de recibir a máis de 2000 visitantes.
O alumno, Valentín Estévez do IES Sánchez Cantón, da man do seu profesor, Xosé Luis Janeiro, presenta o proxecto "Como sobrevivir cando as condicións externas son extremas?".
Os alumnos tomaron como suxeito de estudo un microorganismo do reino protoctista (do xénero Paramecium e da especie Aurelia) e introducírono en medios pouco proclives a conter vida, pero descubrion que este animal é capaz de resistir nun medio extremo creando unha capa translúcida que o illa dese contorno e lle permite hibernar ata que as condicións son máis favorables. A partir de aí, os alumnos reflexionaron sobre a aplicación de métodos similares sobre humanos.
Os seus compañeiros do Instituto Sánchez Cantón, José Rodríguez e Carlos de Frías centraron o seu estudo no "Tratamento e prevención de enfermidades infecciosas mediante células dentríticas".
Este proxecto baséase nas posibles aplicacións das células dendríticas na prevención e tratamento de enfermidades infecciosas. Estas células, descubertas recentemente, son un tipo de leucocito capaz de asimilar o antíxeno dun microorganismo patóxeno calquera, participando así activamente no sistema inmunolóxico activo. O tratamento realizaríase mediante a extracción das células dendríticas dun individuo para facer un cultivo, administrarlles un microorganismo patóxeno que lles proporcione un antíxeno e reinserilas no individuo, producindo unha resposta inmunolóxica no seu organismo.
Pola sía banda, as alumnas do Colegio Internacional SEK-Atlántico, Blanca Fariña e María del Carmen Froján abordan o "Estudo anatómico do cerebro humano".
Xunto coa profesora Beatriz Amanda Trillo, fixeron un traballo que consistiu en en investigar o funcionamento do cerebro. Primeiro, analizouse que zonas ou rexións cerebrais controlan as distintas funcións que realizamos. Despois plasmáronse os resultados obtidos sobre unha maqueta do cerebro sinalando as distintas partes e cales son as súas funcións.
Tamén no Colegio Internacional SEK-Atlántico, presentan un traballo sobre "A morte dos berberechos e ameixas en Carril", que consiste en investigar por que os berberechos e ameixas de Carril morren nunha determinada época do ano.
Para levar a cabo a investigación, as alumnas Carlota Maceiras e Elena Iglesias, entrevistáronse a persoas que traballan na extracción destes moluscos, analizáronse exhaustivamente as condicións do seu ecosistema e realizouse un experimento para ver como lles afectan distintas temperaturas da auga. Cos resultados obtidos realizouse un documental que mostra todo o proceso e as conclusións ás que se chegaron tras a investigación.