Vilaboa destina 187.000 euros a mellorar un vial e a restaurar o seu lavadoiro e área recreativa
Por Redacción
O Concello de Vilaboa avanza na súa programación para este ano de mellora dos viais municipais para dotalos dunhas condicións axeitadas que garantan a seguridade vial e dos peóns. É o turno da estrada que une os lugares de Coruxeiro, Outeiro do Gato e Toural, na parroquia de Vilaboa.
Nestes lugares o Concello investirá 187.037 euros para eliminar as actuais fochancas e sustituilas por unha pavimentación axeitada. A obra inclúe a execución ou mellora das redes de pluviais para o facilitar un correcto drenaxe da auga da choiva así como a separación do tránsito peonil cunha senda á mesma cota que o firme.
A memoria desta obra inclúe tamén a instalación da rede primaria de abastecemento municipal, en alta presión; deixando así previsto este servizo e evitando danos futuros no pavimento para a colocación da tubaxe.
O proxecto contempla tamén a consolidación estrutural da cuberta do lavadoiro, actualmente de fábrica de ladrillo e formigón, que presenta fisuras de consideración que comprometen a súa estabilidade. Tamén se procederá á pavimentación e acondicionamento da área recreativa que se encontra na traza do vial.