Once anos de prisión por abusar da filla da súa parella entre os 14 e os 16 anos e xustificarse en que ela o "provocaba"
Por Natalia Puga
Once anos e dous meses de prisión. Esa é a condena que deberá cumprir un veciño de Poio que en tres ocasiones abusou sexualmente da filla da súa parella, unha menor que tiña 14 anos cando se produciu o primeiro episodio de abusos e 16 cando ocorreu o último. Entre medias, dous anos nos que a gravidade dos feitos, xa de seu graves a primeira vez, foron en aumento, e a menor acabou presentando síntomas de estrés postraumático que un psicólogo ve "atribuíble á situación de abuso" sufrida.
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgou o agora condenado en outubro do ano pasado a porta pechada para preservar a identidade da menor, que nestes momentos xa é maior de idade. No exterior do xulgado, tanto a vítima como a súa nai recibiron o apoio dunha pequena representación do Colectivo Feminista de Pontevedra.
Os feitos polos que agora xa hai sentenza empezaron no ano 2016, denunciáronse en 2018 e chegaron a xuízo en 2021. Cando ocorreron os feitos, a nai da vítima e o acusado levaban dez anos de relación sentimental e tiñan dúas fillas en común. A vítima era filla dela dunha relación anterior.
O propio acusado, na súa declaración no xuízo, tal e como recolle a sentenza, recoñeceu os episodios de abuso, aínda que afirmou que era a propia vítima "a que o provocaba".
O primeiro episodio ocorreu no verán do ano 2016, cando toda a familia vivía en Vigo. A nai da nena foise cedo a traballar e el díxolle á súa filla, que entón tiña 14 anos cumpridos, que se deitase na cama matrimonial, na que tamén durmía o bebé recentemente nada filla da parella. Nese momento, o agora condenado actuou "movido polo ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais" e realizoulle tocamentos.
Pouco despois, a familia mudouse a vivir a Poio e foi alí onde se produciron os abusos. O seguinte ocorreu dous anos despois, en agosto de 2018, cando o acusado durmía na liteira baixa coa súa filla pequena, aproveitou para levantarse e, de novo, "movido polo ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais", realizoulle de novo tocamentos, esta vez máis íntimos aínda ata que ela espertou.
Xa dous meses despois, o 8 de decembro de 2018, mentres estaban sós na casa familiar, aproveitándose de que a súa muller fora a unha cea de empresa, segundo declara probado a sentenza, entrou na habitación da moza cando ela estaba deitada e "sen permiso da menor e movido polo ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais", abusou dela xa con acceso carnal e oral.
A Audiencia considera probados tres delitos de abuso sexual, un deles "con acceso carnal e introdución de obxectos" e todos cometidos coa circunstancia agravante de parentesco. Por dous dos delitos imponlle un ano e sete meses de prisión e polo terceiro, oito anos.
Ademais, polos dous delitos de abuso sexual a Audiencia tamén lle impón tres anos de pena de prohibición de aproximarse a menos de 300 metros da vítima, do seu domicilio, lugar de estudo ou traballo ou calquera outro no que se atope, e a pena de prohibición de comunicarse con ela por calquera medio e polo terceiro delito dez anos de prohibición.
Ademais, impónselle ao acusado a medida de liberdade vixiada durante seis anos tras a saída de prisión.
A Audiencia pon en valor o testemuño da vítima, que fixo unha declaración "espontánea, sen que tentase culpabilizar ao acusado, explicando os feitos con sinxeleza e como ela lembrábaos" e que é "foi verosímil, coherente e firme".
A moza declarou, segundo recolle a sentenza, que o acusado era o seu padrasto e non tiña boa relación con el porque "era moi agresivo e pegáballe a ela e á súa nai" e que esta situación durou ata que ela cumpriu 13 ou 14 anos e posteriormente a súa actitude cambiou e deixou de pegalas.
Narrou tamén no xuízo que non tiña unha relación afectiva de bicos e abrazos co acusado, pero que este "lle dicía frases estrañas, como que debía afeitarseo o pelo púbico".
Tal e como recolle a sentenza, cando a vítima contou á súa nai o terceiro episodio de abusos, a súa nai falou co acusado e el "tirouse ao chan de xeonllos pedíndolle perdón", dicíndolle que a vítima "o provocou". O tribunal da Audiencia Provincial apunta que o acusado nese momento calou un detalle importante, que a vítima, cando ocorreu ese terceiro feito, "estaba borracha e drogada".
Relacionadas:
-
Confirman a condena a un home que abusou da súa fillastra adolescente e insisten na "inexistencia de consentimento"
Por Natalia Puga |
-
O feminismo, tras a sentenza condenatoria por abusos a unha menor: "Esta é a xustiza que se debería facer"
Por Natalia Puga |
-
A denuncia dunha menor por abuso sexual do seu padrasto, na recta final cinco anos despois: vista para sentenza
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Que se haga justicia", a petición dunha nai cuxa filla denuncia abusos por parte do seu padrasto
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada