O feminismo, tras a sentenza condenatoria por abusos a unha menor: "Esta é a xustiza que se debería facer"
Por Natalia Puga
"Por fin se acaba o periplo xudicial de Olga e a súa filla". Así recibía o Colectivo Feminista de Pontevedra a sentenza condenatoria pola que a Audiencia Provincial impón once anos e dous meses de prisión a un veciño de Poio que en tres ocasiones abusou sexualmente da filla da súa parella, unha menor que tiña 14 anos cando se produciu o primeiro episodio de abusos e 16 cando ocorreu o último.
Cando se celebrou o xuízo contra este home o pasado mes de outubro, o Colectivo Feminista quixo estar presente ás portas da Audiencia Provincial para dar o seu apoio á nai da vítima, Olga, socia desta entidade, e, agora que se coñeceu a condena, aplauden que o home fora condenado en termo similares aos que pedían a Fiscalía e a acusación particular, 15 anos e nove meses.
A entidade feminista pontevedresa é habitualmente moi crítica coas resolucións xudiciais da que adoitan cualificar como "xustiza patriarcal", pero consideran que esta sentenza ven demostrar que é posible outra realidade. "Moitas veces é complicado demostrar todo isto, pero neste caso si houbo xustiza. Isto é como deberían tratarse todos os casos e a xustiza que se debería facer", sinala Jennifer Iglesias, presidenta do colectivo.
Con este fallo, "por fin se fixo xustiza" e, tal e como avanzan desde o colectivo, "é como un renacer para elas, por fin poden comezar a descansar". Esta sentenza non só condena ao agresor, senón que "recoñece todo o sufrimento" da vítima e que quen llo causaba era a parella da súa nai.
Con este proceso xudicial, a nai da vítima pedía xustiza e toda a súa contorna quería que ela, a súa filla e os outros dous fillos que ten co agresor poidan "empezar a vivir" porque saben que o agresor estará privado de liberdade e eles poderán estar tranquilos.
A sentenza aínda non é firme e cabe a posibilidade de presentar un recurso, pero é unha vitoria para as denunciantes. De todas maneiras, chega tarde. Os procesos xudiciais "son moi longos", lembra Jennifer Iglesias. Os feitos comezaron en 2016, foron denunciados en 2018 e xulgáronse en 2021, "un espazo de tempo no que non é xusto que estas persoas non poidan vivir".
Agora que se ditou a sentenza, a nai da vítima deulle as grazas ao Colectivo Feminista pola sororidade que lle deron concentrándose ás portas da Audiencia e tamén por axudala facendo "piña" e dándolle "forza".
Para o colectivo, este fallo tamén é motivo de esperanza, pois "ía sendo hora de que isto puidera suceder" e axuda a agardar un bo resultado doutros casos aínda sen xulgar. "Son tantos casos e na maioría acabas desesperándote", sinalan. Agora, teñen ánimos renovados porque "cando queren, faise xustiza".
Relacionadas:
-
Confirman a condena a un home que abusou da súa fillastra adolescente e insisten na "inexistencia de consentimento"
Por Natalia Puga |
-
O Colectivo Feminista promove dúas xornadas para analizar as diferentes formas de "Ser Nais"
Por Redacción |
-
Once anos de prisión por abusar da filla da súa parella entre os 14 e os 16 anos e xustificarse en que ela o "provocaba"
Por Natalia Puga |
-
A denuncia dunha menor por abuso sexual do seu padrasto, na recta final cinco anos despois: vista para sentenza
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Que se haga justicia", a petición dunha nai cuxa filla denuncia abusos por parte do seu padrasto
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Concentración feminista ante a Audiencia para apoiar unha veciña de Poio e a súa filla, vítima de abuso
Por Natalia Puga |