Remata a remodelación integral do camiño de acceso a Monte Covelo, en Samieira
Por Redacción
Unha achega de case 40.000 euros ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas permitiu a mellora do camiño a Monte Covelo, en Poio. Trátase dunha actuación que supuxo a remodelación integral desta pista da parroquia de Samieira.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López; o alcalde de Poio, Luciano Sobral; o xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo; a concelleira Silvia Diaz; e o voceiro do PP en Poio, Ángel Moldes, visitaron esta actuación este martes.
Ao remate da visita, Luis López deu conta desta actuación da Xunta relativa á anualidade 2021-2022 do Plan Marco e aproveitou para confirmar a intención do goberno autonómico de incrementar este ano a partida deste programa para este municipio pontevedrés nun 25%. O obxectivo é chegar a un investimento de arredor de 50.000 euros.
Luis López destacou que resulta "fundamental" realizar un apoio constante aos concellos para soster as súas infraestruturas rurais para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrícolas que, no caso dun municipio como Poio, teñen unha gran importancia para a súa socioeconomía malia estar situado nunha zona de litoral.
O representante da Xunta destacou que Poio ten recibido, ao longo dos últimos anos, máis de 300.000 euros da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para o acondicionamento das súas vías municipais vencelladas a zonas con peso agrogandeiro ou de carácter rural a través do citado Plan Marco.
Con estas achegas, favoreceuse a modernización viaria de ata unha decena de núcleos rurais de Poio, entre os que figuran os de Bando do Río, en San Xoán; Cabo Silleiro; Cabo Corrubedo e Coruxo; ou Camiño da Publicada, O Covelo e Monte Covelo, entre outros. Coa partida do presente ano está previsto que se melloren as conexións da Bouza e Urxeira.