O goberno local de Vilaboa presume de boa saúde económica polo remanente de 2,8 millóns de euros
Por Redacción
O goberno local do Concello de Vilaboa presume de "boa saúde da economía" despois de que o pleno aprobase as contas xerais do ano 2021 cun remanente de tesourería de 2.845.428 euros, que serán destinados a "diferentes proxectos urxentes".
"Outro dato positivo é a ausencia de endebedamento por parte do Concello de Vilaboa", engade o executivo vilaboense, xa que todas as operacións de préstamo a corto e longo prazo se amortizaron anticipadamente co peche do exercicio 2020 realizado o pasado ano.
O goberno local levou á última sesión plenaria un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 84.378 euros para aprobar facturas correspondentes a gastos imprevistos.
No ano 2020 o importe deste recoñecemento foi de 399.633 euros e no ano 2019 a cantidade ascendeu a 647.279 euros. "Esta evolución ven demostrar que este ano a previsión de gastos axustouse moito máis á realidade que en exercicios anteriores, ou o que é o mesmo, que a xestión do orzamento foi máis eficiente", explica a concelleira de Facenda, Carmen Gallego.
O alcalde, César Poza, fai tamén unha lectura positiva das contas xerais "que demostran un aforro real e por tanto moito marxe para investimentos". Neste sentido o alcalde fai un chamamento aos grupos da oposición para consensuar os proxectos aos que destinar o remanente de tesorería.
"Rematamos o ano 2021 sen endebedamento, cunha previsión de gastos e ingresos moi axustada á realidade e unha execución orzamentaria moi eficiente. Estamos satisfeitos con este resultado sobre todo porque nos da marxe para seguir investindo e avanzando cara ese proxecto de desenvolvemento que temos para Vilaboa e que pasa pola dotación de solo industrial e solo residencial para o que primeiro é necesario tecer unha rede de servizos básicos", conclúe César Poza.