A reforma converte á Praza de San Amaro nun espazo "para quedar"
Por Redacción
A praza de San Amaro e a súa nobre contorna locen xa unha renovada imaxe coa recuperación deste espazo público. Este mércores tivo lugar unha visita a este entorno da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, xunto ao deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o concelleiro de Obras, Iván Bello, amais de representantes da corporación local e veciños.
"Esta é outra praza e esta é unha obra para aplaudir; ten todos os contidos das boas obras ben feitas", destacou a presidenta.
A zona foi obxecto de dúas actuacións na estrada provincial EP-0508 que atravesa este entorno. Dunha banda, a mellora da mobilidade peonil na citada praza de San Amaro, cun deseño no que primou o emprego da pedra e o respecto ao patrimonio e na que se investiron 219.165 euros financiados ao 100% pola Deputación. E, por outra, a institución provincial investiu preto de 40.000 euros para a mellora da rede de drenaxe na mesma estrada provincial.
A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor que as obras realizadas permitiron recuperar para as persoas "un lugar antes hostil para a veciñanza e para os milleiros de persoas que atravesan o Camiño e un lugar hostil para o patrimonio, porque impedía desfrutar da fermosura deste lugar".
Pola súa banda, o alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes congratulouse de que este proxecto teña permitido dar unha nova imaxe ao "recibidor" de Barro. "Gústanos ter nas casas un espazo que cando vén alguén a visitarnos se leve unha boa imaxe", dixo o alcalde.
"Todos e todas sorprendémonos con estas obras, pero quen máis o fan son as persoas que non viñan desde hai seis meses e sabían que isto era un cruce de estradas. Agora atópanse con que o recibidor de Barro é amable, de convivencia e desfrute" dixo Fernández Abraldes que engadiu que agora este é un espazo "non só para pasar, senón para quedar".
O PROXECTO
O obxectivo das obras realizadas na praza de San Amaro foi crear unha contorna viaria segura e tranquila co modelo de mobilidade sostible da Deputación, e materializouse co deseño dunha zona de convivencia elevada de 10 centímetros con respecto da rasante da estrada, con prioridade peonil, e na súa execución utilizáronse pavimentos de pedra para dignificar o entorno patrimonial existente na contorna, con mobiliario urbano moderno e de deseño.
Amais, realizouse unha nova rede de pluviais, soterráronse as liñas de electricidade e telecomunicacións e executouse unha nova rede de fecais e alumeado público con luminarias LED de deseño. A obra completouse coa sinalización horizontal e vertical, a plantación de arborado e bancos de pedra na zona da praza.
Por outra banda, a mellora da rede de drenaxe da estrada provincial levouse a cabo nun treito de 230 metros no que existía unha rede unitaria de saneamento e de drenaxe que recollía as augas residuais do núcleo de San Amaro, vertendo directamente esta rede á cuneta existente ao non ter continuidade ata a depuradora.
Co proxecto desenvolvido pola Deputación, conectáronse as redes de saneamento e de pluviais executadas no proxecto do núcleo de San Amaro ata as instalacións de tratamento de augas residuais executadas polo Concello. Aproveitando a actuación, tamén se aglomerou o treito afectado polas obras, e pavimentouse con formigón a citada cuneta.
Relacionadas:
-
A Rede Ágora repartirá outros 1,96 millóns para recuperar espazos públicos e crear sendas peonís
Por Redacción |
-
O PP de Barro critica o "problema de seguridade dos escolares" con motivo das obras na Praza de San Amaro
Por Redacción |
-
Comezan as obras para recuperar a zona da Praza de San Amaro
Por Redacción |
-
Barro obtén unha achega de 265.000 euros para acometer melloras na seguridade peonil
Por Oskar Viéitez |
-
Rematada a obra na estrada provincial EP-0509 ao seu paso por Barro
Por Redacción |