Pescadores de El Salvador intercambiarán experiencias con mariñeiros pontevedreses
Por Alejandro Espiño
Pescadores de El Salvador percorrerán a partir deste luns a costa galega para coñecer experiencias no eido da pesca tradicional, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo mariñeiro. Unha viaxe que comezará en Cambados e que os levará a outras nove vilas galegas: Lira, Vigo, Baiona, Cangas, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Cee e Corcubión.
A actividade encádrase no proxecto de cooperación a prol da pesca artesanal e sostible que Asemblea de Cooperación pola Paz (ACCP) promove na rexión salvadoreña do Bajo Lempa, co apoio da ONG local Cordes, e que está a ser cofinanciado pola Xunta de Galicia. A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) participa dentro das actividades de sensibilización.
Durante a súa estadía en Galicia, dous pescadores e un representante de Cordes visitarán confrarías, lonxas, portos, depuradoras, o Igafa ou o centro de formación A Aixola. O obxectivo deste proxecto é coñecer novas iniciativas que poidan adaptar ao seu contorno, intercambiando as súas experiencias con mariñeiros galegos.
A expedición salvadoreña estará en Galicia entre o 4 e o 13 de novembro. Entre as actividades programadas, visitarán Cambados, en donde coñecerán as formas de organización do sector pesqueiro en Galicia, visitarán a confraría ou unha depuradora de moluscos. No porto de Tragobe verán o traballo das redeiras e explicaranlles como é o proceso de subasta nunha lonxa galega. Concluirán o día participando nunha xornada de marisqueo e visitando o centro de formación A Aixola.
En A Illa de Arousa, vila na que estarán o día 9 de novembro, manterán una xuntanza coa escola de navegación de dornas a vela, para coñecer a experiencia de traballo da asociación e as técnicas de navegación a vela por se fora posible aplicala á súa actividade pesqueira. Entre outras actividades, en Vigo achegaranse á pesca de altura e de baixura, e en Cee, aprenderán a importancia do proceso de limpeza de praias e fondos mariños.
Ademais da viaxe, estes pescadores salvadoñeros participarán en dúas destas vilas, Corcubión e Vilagarcía de Arousa, en actos abertos á cidadanía co fin de concienciar sobre a situación dun país empobrecido como é El Salvador e a responsabilidade dos países do Norte.