Cerdedo-Cotobade incorpora vinte persoas desempregadas
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade destina uns 190.700 euros a reforzar o plantel municipal de conservación de infraestruturas e servizos coa incorporación de 20 persoas desempregadas dentro do programa de emprego municipal que conta cunha aportación do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra de 164.400 euros e 26.300 euros de fondos propios municipais.
Estes 20 novos traballadores desempeñarán as súas funcións ata o 28 de setembro de 2022 cunha xornada completa e un salario bruto aproximado duns 1.125,83 euros, ao que hai que engardir as cotizacións á Seguridade Social dos seis meses que dura o seu contrato.
Así, comezaron a prestar os seus servizos de apoio ao persoal municipal, cinco encofradores, un canteiro, sete podadores, desbrozadores e motoserristas forestais, un soldador, un mecánico, dous conductores-operadores de maquinaria forestal a motor, un conductor de camión e dous pintores de vías urbanas.
Como é preceptivo, o Concello de Cerdedo-Cotobade orientou estas contratacións a persoas que estaban en situación de desemprego e ademais priorizou a colectivos especialmente desfavorecidos na súa incorporación ao mercado de traballo, como son as vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas cunha discapacidade superior ao 33%, membros de familias monoparentais con fillos a cargo, persoas con niveis de renda baixos ou aqueles que teñan cargas familiares.
O proceso selectivo levouse a cabo durante o mes de marzo. Estes traballadores, que se integrarán nas brigadas municipais e actuarán baixo a coordinación do encargado, van realizar tarefas de acondicionamento e creación de marquesiñas e peches municipais, reparacións urxentes, pavimentacións, muros, empedrados de urbanizacións, pintado de vías e dependencias do Concello, mantemento de vehículos e maquinaria, conducción de tractores, limpeza e roza de rutas de sendeirismo e zonas verdes e control medioambiental, mellora de cadros eléctricos, reparacións urxentes nas liñas e mantemento e reposición de luminarias.