"Nada nuevo bajo el sol" aporta, segundo Fernández Lores, o "esaxerado" informe de Ence
Por Alejandro Espiño
"Nada nuevo bajo el sol". Así resumía o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a súa valoración sobre o estudo presentado este martes por Ence sobre a incidencia económica e social da fábrica de Lourizán en Galicia. Un informe, realizado pola consultora KPMG, que o regidor nacionalista cualificou como "un pouco esaxerado", especialmente en relación ao peso económico da empresa na economía pontevedresa.
Fernández Lores, que non quixo entrar a valorar en profundidade o contido de dito informe, recordou que o complexo industrial chegou a ter máis de 600 empregos directos, fronte aos 329 que recoñece agora a empresa e asegurou que algunhas das cifras aportadas están infladas, entre elas a que asegura que xeran un valor económico equivalente ao 28,16% do PIB do concello de Pontevedra.
En todo caso, o alcalde de Pontevedra insistiu en que non hai novidade respecto ao posicionamiento da empresa. "Queren quedarse onde están porque é un negocio pingüe para os accionistas e os propietarios que compraron unha empresa condenada ao traslado e abandono dos terreos públicos de Lourizán", e para iso contan, denunciou, coa connivencia do PP que "paulatinamente van dando pasos para facilitarlles que se queden".
"Queren seguir nus terreos que son gratuitos e públicos, con auga gratis, non pagan o canon da auga, evidentemente para eles isto é unha marabilla, un negocio espléndido", afirmou o alcalde. "Se eu fora emprendedor a min gustaríame que me deran as facilidades que lles deron a eles ".
Onde tampouco hai novidade, dixo Fernández Lores, é na posición do goberno municipal, que seguirá reclamando de forma "contundente" a saída do complexo industrial da ría. "Seguiremos defendendo a recuperación da ría para todos os veciños de Pontevedra e para outros usos máis rentables económica, social e ambientalmente", concluíu.