Da positivo por alcoholemia tras bater co seu coche contra a comisaría da Policía Local
Por Alejandro Espiño
Afeitos a instruír atestados en toda a cidade, pouco podían sospeitar os axentes da Policía Local de Pontevedra que onte á noite non ía ser un día usual. E é que apenas tiveron que trasladarse máis aló da porta da comisaría, situada nos baixos do Pazo da Cultura en A Xunqueira, para asistir aos feridos dun aparatoso accidente de tráfico que se produciu ben entrada a madrugada.
Un turismo da marca BMW, no que viaxaban tres persoas, bateu violentamente contra un muro situado na entrada lateral da comisaría local, na rúa Rafael Areses. Ocorreu contra as dez da noite. Segundo o atestado instruído polos axentes, o coche saíuse da vía, sen razón aparente, xa que non houbo ningún outro vehículo implicado no sinistro.
Dos tres ocupantes do BMW, dous deles, o condutor e o que ía sentado no asento do copiloto, saíron ilesos. Peor parado resultou o que viaxaba na parte traseira do automóbil, un home de 39 anos. Foi ingresado en estado grave na UCI do Hospital Domínguez de Pontevedra.
O forte impacto contra o muro, e o feito de que, segundo os axentes, podería non levar o cinto de seguridade posto, fixo que recibise un golpe moi forte na cabeza.
O condutor do turismo deu positivo na proba de alcoholemia. Segundo indica a Policía Local, nun primeiro control marcou 0,69 mg/l e na segunda, realizada minutos despois, 0,63 mg/l, case o triple da taxa permitida.