Imputado por facerse pasar por outra persoa para ocultar que conducía sen carnet
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra identificou e imputou un veciño da cidade como presunto autor de dous delitos, un contra a seguridade viaria e outro por usurpación de identidade. Teríaos cometido cando ensinou unha documentación falsa a unha patrulla para ocultar que conducía unha motocicleta tendo o carnet retirado.
Segundo informou a Policía Local, os feitos remóntanse xa ao 20 de agosto. Unha patrulla realizaba un control rutinario na avenida Domingo Fontán sobre as 3.30 horas da madrugada e deulle o alto a unha motocicleta que viña circulando dende o Nó dos Bombeiros en dirección ao centro da cidade.
Os axentes da Policía Local solicitáronlle a documentación da motocicleta e o permiso de conducir, ao que o home dixo que a moto non era súa, senón que lla prestara un amigo. Tampouco levaba encima o permiso de conducir, pero si o DNI e facilitoullo.
Unha vez consultado na base de datos de condutores da Dirección Xeral de Tráfico, os axentes comprobaron que non tiña permiso para conducir motocicletas, pero si, en vigor, o carnet clase B de turismos, polo que tramitaron unha denuncia administrativa por conducir un vehículo sen estar habilitado.
No boletín da denuncia os axentes fixeron constar o nome do condutor e como dirección de notificación de contacto, o seu domicilio en Pontevedra. O papeleo foi parar á Dirección Xeral de Tráfico, competente na tramitación da denuncia.
Transcorrido un tempo, Tráfico notificou ao condutor a denuncia correspondente, pero non na casa de Pontevedra, senón no domicilio que consta na súa base de datos, que está na Coruña.
Esa notificación non chegou ao identificado pola Policía Local senón a outro condutor, un veciño da Coruña que se presentou en Tráfico denunciando que non era o condutor da motocicleta e que alguén dera datos falsos sobre a súa identidade, xa que non ten motocicleta e non estivera en Pontevedra na data da denuncia.
Este segundo home presentou denuncia na Comisaria Xeral de Policía Nacional na Coruña por usurpación de identidade e o caso chegou á Policía Local de Pontevedra para que o investigara. Lograron identificar ao verdadeiro condutor, que resultou ser o propietario real da moto (el dixera que era dun amigo), pero que supostamente deu os datos doutra persoa porque no momento da denuncia tiña unha orde en vigor de suspensión do permiso de conducir.
A conclusión é que no momento da denuncia o verdadeiro condutor facilitou unha identidade falsa co seu verdadeiro domicilio en Pontevedra, co fin de que a Dirección Xeral de Tráfico o notificara no seu domicilio e non no domicilio do falso condutor e, deste xeito, probablemente, pagar a sanción administrativa e eludir un delito contra a seguridade viaria cunha pena maior por quebrantamento de condena que o inhabilitaba para conducir. Finalmente, acabou imputado pola vía xudicial por dous delitos cando quería evitar un.