Cando somos persoas maiores?, unha pregunta que nos serve de punto de partida neste podcast 'Cara a cara' co xerontólogo Miguel Anxo Álvarez González. A súa resposta: "cando deixamos de aprender, de participar, de movernos, de amar e cando lanzamos a toalla". Acompáñanos con motivo da súa sétima publicación: 'A memoria das persoas maiores. Que facer para mellorala'.
Falamos dunha etapa vital que está negativamente estereotipada, polo que, como sinala Miguel Anxo Álvarez "é un reto para a sociedade valorar o papel que poden ter os adultos maiores, tanto para darlles calidade de vida como para valoralos pola experiencia e formación que foron atesourando ao longo dos anos".
Abordamos tamén a memoria, cuxos inimigos, explica, "nun envellecemento normal son a depresión, a ansiedade e o estrés"; ou da importancia de manter unha alimentación saudable, actividade física, psicolóxica e social "para afastar as consecuencias negativas que pode ter o envellecemento".
Miguel Anxo Álvarez González conta con diversas especialidades e másteres no ámbito da Saúde e Xerontoloxía. Antes, foi comandante do Exército, cunha traxectoria militar durante vintecinco anos. É autor de dous proxectos de xerontoloxía creados a partir de ensaios prácticos: O Método Cidade de Pontevedra e o Método Cotobade.
Co Método Ciudad de Pontevedra obtivo o impacto da orientación na calidade de vida e a capacidade funcional dos participantes. Co Método Cotobade utilizou as actividades de orientación no espazo natural para comprobar como melloran a memoria. Resultou ser a primeira experiencia en Ciencia que relacionaba a memoria coa orientación espacial.
O autor, sinala en PontevedraViva Radio, cedeu a primeira edición de 'A memoria das persoas maiores. Que facer para mellorala' á Federación de Pensionistas de Comisións Obreiras, de forma que esta central sindical distribuirá a afiliados, entidades sen ánimo de lucro e organismos relacionados con persoas maiores os exemplares do libro que se acompaña dun caderno de actividades de memoria.