Melloran as cunetas de varios camiños na parroquia de Augasantas
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, inspeccionou os traballos levados a cabo en varios camiños da parroquia de Augasantas para dotalos de axeitadas cunetas e canalizacións de augas pluviais así como o asfaltado de viais municipais que melloran á accesibilidade ás vivendas e vertebran a rede de comunicación interior no rural do concello.
Así, levouse a cabo a instalación de cunetas de formigón para recoller as augas procedentes da choiva e das escorrentías dos montes para evitar que nos momentos de intensa choiva se asolaguen por completo os viais municipais e se ocasionen problemas de accesibilidade tanto de peóns como das persoas residentes que queren acceder ás súas casas.
Ademais se levaron a cabo pequenos asfaltados de tramos interiores en varios lugares da parroquia coa intención de vertebrar a comunicación interior dun xeito axeitado dotando dun pavimento renovado aos núcleos de poboación.
O alcalde, Jorge Cubela, manifestou que unha das súas prioridades é atender as necesidades da veciñanza que residen nas zonas rurais do municipio atendendo e favorecendo a accesibilidade ás vivendas ampliando, alí onde se pode, o ancho da calzada para facilitar tamén a chegada de vehículos de emerxencia e mesmo ambulancias nas mellores condicións posibles aos domicilios de todo o municipio.
"Estas pequenas obras en extensión, pero que sumadas representan un gran investimento e unha dimensión importante, van destinadas a mellorar a accesibilidade das persoas ás vivendas e canalizar axeitadamente as augas pluviais para evitar empozamentos nos viais municipais e favorecer que se mellore a calidade de vida dos que eliximos o rural para vivir", indicou o alcalde Jorge Cubela.