Impulsan vinte novas vivendas en Cuntis tras dous anos de parón na construción
Por Redacción
Unha nova promoción inmobiliaria na rúa Presiña reactivará a construción de vivendas en Cuntis tras un parón que duraba xa dous anos.
Trátase dun proxecto da compañía Bamarti, que construirá vinte vivendas divididas en dous portais, con garaxes, rochos e baixos comerciais nunha superficie de 2.000 metros cadrados.
Fernando Martínez, xerente da construtora, explica que o desenvolvemento económico en torno ao polígono industrial ou ás empresas asentadas en Cuntis, xunto co número de mozos que buscan emanciparse creou un desequilibrio entre a demanda e a oferta.
"Deixouse de construír e esta nova promoción resolverá o problema puntual de falta de vivenda en Cuntis", explica Martínez que apunta que estes novos pisos sairán ao mercado inmobiliario a prezo de custo.
Aínda que a construción correrá a cargo de Bamarti, a promotora está deseñando a fórmula axeitada para crear unha xestora que se encargue da contratación directa de diferentes servizos eliminando por tanto o beneficio industrial e garantindo un prezo máis económico.
A nova promoción, na que xa se pode visitar un piso piloto, prestará especial atención ás calidades e á eficiencia enerxética, coa instalación de aerotermia e solo radiante, que garanta climatización e calefacción nas vivendas cun importante aforro na factura da enerxía.
Esta nova promoción supón para Manuel Campos, alcalde de Cuntis, unha oportunidade para o municipio tanto na creación de emprego como na consolidación demográfica.
Confía en que as novas vivendas se convertan no fogar de familias que encontren en Cuntis "as condicións ideais para desenvolver un proxecto vital marcado pola calidade".