Ana Miranda reclama que Bruxelas presione a España para investigar "ata o final" o naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Redacción
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, presentou en Bruxelas unha iniciativa para esixir ás autoridades que se realice unha investigación "completa" que aclare as causas do naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova (Canadá).
Na petición, dirixida á Comisión Europea, o grupo parlamentario ao que pertence o BNG, reclama que esta investigación "chegue ata o final por respecto aos falecidos e as súas familias".
Miranda considera que debe facerse "todo o investimento necesario" para achegar os medios técnicos necesarios que permitan saber realmente que sucedeu na madrugada do 15 de febreiro e coñecer as causas do naufraxio.
Ante a negativa do Estado español "a seguir investigando", a representante do BNG espera que a Comisión Europea "presione" ao Goberno para retomar estes traballos e que, no marco da Directiva de Seguridade Marítima, se realice unha investigación independente e unha exploración completa, mesmo con medios comunitarios que podería solicitar o Estado.
Asegura non entender como non se pode baixar "a un barco afundido hai dous meses" cando, nestes tempos "pódese baixar varias veces ao Titanic ou recuperar barcos da Guerra Mundial" que se afundiron na mesma zona que o Villa de Pitanxo.
Ana Miranda reitera que é "imprescindible" acceder ao barco para obter todos os datos precisos, tanto do pecio como do aparello, para saber que sucedeu o día do naufraxio e tratar de recuperar os corpos das persoas falecidas.
A maiores desta iniciativa, Miranda remitiu unha carta á Organización Marítima Internacional (OMI) para trasladar a preocupación do BNG pola negativa do Estado para enviar unha misión de investigación ao lugar do naufraxio.