Mellora da mobilidade en Cerdedo-Cotobade, que actúa sobre o acceso a Cerdeiriña, en Valongo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade realiza unha nova actuación para mellorar a mobilidade e as infraestruturas que vertebran o rural municipal. Trátase da mellora da vía que dá acceso ao lugar de Cerdeiriña, na parroquia de Valongo.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela López, e a concelleira Galiza Aguete realizaron unha visita á zona para revisar os resultados dos traballos, que se centraron no pavimentado dun camiño duns 200 metros que dá servizo e acceso aos veciños e veciñas que residen no lugar de Cerdeiriña.
Esta actuación está enmarcada dentro do plan de intervención e mellora dos viais de titularidade municipais en todo o municipio e o Concello aproveitou estes traballos para construír novas cunetas de recollida de augas pluviais para evitar que nos días de choiva se acumule auga, mellorando así o uso peonil deste vial.
Ademais, aplicóuselle unha reposición total do firme en aglomerado en quente coa intención de que quede en perfecto estado para favorecer a circulación de vehículos e a accesibilidade ás vivendas da zona.
Jorge Cubela considera que este tipo de actuacións son "necesarias e imprescindibles" para mellorar a habitabilidade e o acceso ás vivendas das persoas que viven nas zonas rurais.
A actuación contou con financiamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.