O Concello de Cuntis inicia unha rolda de reunións para explicar o plan municipal de defensa contra incendios forestais
Por Redacción
O Concello de Cuntis inicia o período de exposición pública do seu Plan Municipal de Defensa contra Incendios Forestais, elaborado despois da firma dun convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Consellería do Medio Rural que permitiu a contratación do traballo á empresa pública SEAGA.
O Plan ten un ámbito de actuación nunha superficie de 7.980 hectáreas que abarcan as oito parroquias cuntienses e marca as directrices para seguir para evitar incendios no termo municipal tras unha minuciosa análise dos riscos existentes baseado no ocorrido en anos anteriores e determina e define ademais as faixas secundarias de xestión de biomasa.
O prazo para presentar alegacións ao Plan é de 20 días naturais a partir da súa publicación do BOP, que este venres recolle o inicio da exposición pública, previa á aprobación inicial do documento. As persoas interesadas en coñecelo con detalle poden consultalo nas dependencias municipais ou no Taboleiro de Anuncios da sede electrónica do Concello de Cuntis.
O goberno local iniciará esta mesma fin de semana unha rolda de reunións nos distintos núcleos e parroquias do Concello para explicar as afeccións do Plan, para que os propietarios poidan comprobar si as súas parcelas están afectadas polas faixas secundarias e presentar as alegacións ou reclamacións que consideren oportunas.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, póñense a disposición da veciñanza para resolver calquera dúbida que poida suscitar este plan e lembra que a coordinación e xestión do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais é competencia da Alcaldía, ademais de que a súa elaboración e execución "ten carácter obrigatorio".
Relacionadas:
-
Luz verde ao Plan de Defensa contra Incendios Forestais en Cuntis
Por Redacción |
-
Unanimidade plenaria na aprobación do Plan de Defensa contra incendios forestais en Cuntis
Por Redacción |
-
Medio Rural mellora cortalumes en montes de Pontevedra, Barro, Meis e Poio
Por Redacción |
-
Destinan 40.000 euros a previr incendios en zonas de alto risco de Meis, Barro, Pontevedra, Poio, Caldas e Vilagarcía
Por Redacción |
-
Mans á obra en Cuntis para previr incendios forestais
Por Redacción |