Resolta a reparación dos danos causados polo AVE, o Concello aborda con Fomento o futuro das pontes en desuso
Por Oskar Viéitez
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu este xoves unha nova reunión entre os representantes do Concello e do Ministerio de Fomento.
O concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera, valorou como "espléndido" o nivel de cumprimento por parte das empresas que están a executar as obras do AVE. Segundo informou o concelleiro, resolveuse o problema de comunicación que existía co Ministerio e agora concertouse unha reunión técnica con carácter mensual para facer un seguimento da obra.
"Xa están resoltas en gran parte, e a pesar de que o tempo foi malísimo, as pequenas ou graves deficiencias que levábamos seis meses intentando arranxar", dixo o edil respecto os danos detectados durante todo este tempo aínda que, "alguns non se puideron resolver porque a obra ainda está en marcha", engadiu.
Froito destas "fluídas" relacións entre o Concello e Fomento, acordouse unha nova reunión para xaneiro "se é que antes xurda por sorpresa algún problema".
Na reunión deste xoves falouse do tratamento daquelas parcelas que están expropiadas pero que non serán obxecto das obras do Tren de Alta Velocidade polo que acaban dando problemas debido ao estado de abandono no que rematan. A idea é elaborar un convenio no que se repartan responsabilidades sobre estes terreos para o seu coidado. En concreto citáronse as cesións ao Concello das cubertas urbanas de 12 de Novembro, da Seca, Médico Ballina e as traseiras de Santa Teresa de Xesús.
Finalmente plantexouse por parte do Concello o futuro das pontes do tren que quedan fóra de uso, en principio son tres, os viadutos de Lérez, Ulló e Verdugo.
Nos casos das pontes de Lérez e o Verdugo existe a posibilidade de darlle outro uso. "Derrubalas e caro e bastante absurdo, teñen certo ou moito valor coma infraestrutura, e quedamos de presentaren algún proxecto viable, valorando ou custe", apuntou Mosquera.
En canto á ponte de Ulló non se pode facer nada porque queda en reserva para uso de tráfico de trens de mercadorías, se nalgún momento as vías pasan ao sistema internacional.
Relacionadas:
-
Adif rexenarará o sendeiro de Lérez afectado polas obras
Por Redacción |
-
Boa disposición en Fomento para converter a vella ponte do tren sobre o Lérez nunha senda peonil
Por Alejandro Espiño |
-
Ultiman o proxecto para converter a vella ponte do tren nunha pasarela peonil sobre o Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira interésase polos plans de Fomento para as vías do tren que queden en desuso
Por Redacción |
-
Fomento e Concello de Pontevedra axeitarán o Nó do Pino
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento e as contratas do AVE asumirán o arranxo dos estragos causados polas obras
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello advirte a Fomento que paralizará as obras do AVE se non se reparan os danos causados
Por Oskar Viéitez |