O Instituto de Vilalonga acollerá un novo ciclo de FP Básica Dual de Cociña e Restauración
Por Redacción
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron este sábado en Sanxenxo o novo ciclo de Formación Profesional Básica de Cociña e Restauración que a Xunta vai implantar o vindeiro curso 2022/23 no instituto IES de Vilalonga, e que se desenvolverá na modalidade Dual no seu segundo curso.
Na presentación tamén participaron o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o presidente do Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo, Alfonso Martínez Cacheda.
O ciclo básico de Cociña e Restauración desenvolverase en 2.000 horas de formación, repartidas en dous cursos: Un teórico no IES Vilalonga e outro práctico, con talleres no antigo CEIP O Cruceiro aos que se sumarán as prácticas remuneradas nos establecementos do sector turístico. Haberá inicialmente un total de 20 prazas por curso que se poderán ir incrementando en sucesivos niveis.
A parte teórica impartirase no instituto IES de Vilalonga, mentres que a formación en talleres se desenvolverá nas instalacións do antigo colexio CEIP O Cruceiro, de Vilalonga, que quedaron baleiras tras a construción dun novo CEIP en Sanxenxo. Será o Concello o que se encargue de realizar a adaptación dos espazos co obxectivo de que poidan acoller os talleres do novo ciclo.
Pola súa banda, o Consorcio e Empresarios Turísticos de Sanxenxo asumiu o compromiso de acoller o alumnado para a súa formación dual nas diferentes empresas asociadas.
O conselleiro sinalou esta nova oferta formativa como "unha oportunidade para favorecer a empregabilidade do alumnado da zona". "Non en balde –lembrou– a FP Dual ten unha inserción laboral de case o 97%, é dicir, case total, grazas á súa estreita relación co tecido produtivo".
Telmo Martín subliñou que con "este ciclo formativo cúmprese o compromiso deste goberno de destinar o antigo colexio á escola de hostalería" e asegurou que redundará "na calidade dos servizos que xa presta Sanxenxo e co que se da resposta a unha demanda do sector". O rexedor lembrou que o proxecto de acondicionamento das instalacións opta a unha subvención europea de 1,5 millóns de euros e que a amplitude das instalacións permitirá acoller novos ciclos formativos para mozos ou persoal do sector que queira seguir mellorando a súa formación.
Pola súa parte, Nava Castro destacou que "estamos nun momento de cambio de paradigma turístico no que a innovación e a excelencia, que veñen da man da profesionalización do capital humano, son cruciais para avanzar nun sector máis moderno, rendible e competitivo, que sexa quen de ofrecer a mellor imaxe de Galicia".
Relacionadas:
-
A FP Dual amplía a súa oferta en Pontevedra co ciclo de Estética Integral e Benestar no Frei Martín Sarmiento
Por Manu Otero |
-
Sanxenxo quere converter o colexio O Cruceiro nunha referencia da eficiencia enerxética e accesibilidade
Por Redacción |
-
Sanxenxo aspira a conseguir tres millóns para rehabilitar o vello colexio do Cruceiro
Por Redacción |
-
Enfado no sector ante as novas obrigacións de rexistro nos hoteis
Por Oskar Viéitez |
-
Esborrállase unha parte do vello cinema de Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
O sector hostaleiro de Sanxenxo abrirá ao 80% esta Semana Santa agardando un bo nivel de ocupación
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello solicitará un módulo de FP de Hostalería e Turismo no antigo colexio de O Cruceiro
Por Redacción |