Sanidade reitera a solicitude dunha parcela viable para un novo centro de saúde en Poio
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de reunirse no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra co alcalde de Poio, Luciano Sobral, para avanzar no proxecto de construción dun novo centro de saúde para este municipio.
Na xuntanza, á que asistiron o xerente da área sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Ramón Gómez, e representantes dos tres grupos políticos que conforman o goberno municipal de Poio, a Xunta reiterou aos representantes municipais a necesidade de que o Concello de Poio poña a disposición da Xunta unha parcela viable dentro do municipio para a construción do novo centro de saúde deste concello.
Xa en dúas cartas remitidas ao alcalde de Poio en novembro de 2021 e marzo de 2022, o conselleiro viña reiterando a solicitude dunha parcela coa edificabilidade suficiente para poder desenvolver este novo centro de saúde e ampliar a prestacións sanitarias da veciñanza de Poio.
O conselleiro de Sanidade lembrou que o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021, contempla na súa fase 1 a construción dun novo centro de saúde en Poio cun espazo estimado de 2.289 metros cadrados.
Esta superficie responde á vontade do goberno galego de que o novo centro inclúa novos espazos non existentes ata o momento nas infraestruturas sanitarias do concello como unha área de fisioterapia, con consulta e ximnasio, ou unha área de saúde bucodental con consultas de odontoloxía e de hixiene dental, así como un despacho para traballo social.
Por outra banda, búscase construír un centro con capacidade suficiente para dar servizo aos pacientes que actualmente teñen a súa asistencia sanitaria nos centros de Anafáns, Combarro e Raxó e que poderán adscribirse ao novo centro.
O incremento da superficie permitirá que o novo centro conte con sala polivalente, sala de técnicas, consulta de docencia, despacho de coordinación ou salas de estar e de xuntas para os profesionais, espazos que non existen nos centros actuais.
O conselleiro agradeceu a receptividade amosada polos representantes municipais ante esta proposta e comprometeu o apoio do persoal técnico do Sergas aos servizos técnicos municipais na definición dos criterios para o proceso de adquisición da parcela.
VALORACIÓN POSITIVA DO CONCELLO
O goberno local valora de xeito positivo a reunión mantida esta mañá co conselleiro de Sanidade.
O alcalde, Luciano Sobral; a tenente de alcalde, Silvia Díaz, o edil de Urbanismo, Gregorio Agís, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, tomaron parte neste encontro, no que se deu conta das xestións que está levando a cabo o Concello na actualidade para a adquisición dos terreos, que serán postos a disposición da Xunta para que acometa a construción das devanditas instalacións.
Sobral lembrou que o Concello está a traballar actualmente na elaboración do pliego de condicións do concurso de licitación, proceso indispensable para a compra dos terreos.
O goberno municipal destinará unha partida de 300.000 euros, provinte do remanente de tesourería resultante da liquidación do orzamento de 2021, para a consecución da parcela.
Na reunión acordouse que en próximas datas os técnicos da Consellería de Sanidade visiten as parcelas susceptibles de presentarse ao concurso de licitación, para que poidan constatar que cumpren todos os requisitos para a construción do centro de saúde.
O Concello reitera a súa predisposición e colaboración para axudar a impulsar a dotación deste servizo, absolutamente imprescindible para garantir a calidade da asistencia sanitaria no municipio.
Relacionadas:
-
A Xunta avaliará a parcela ofrecida polo Concello de Poio para o novo centro de saúde
Por Oskar Viéitez |
-
Poio formaliza a adquisición dos terreos para o novo centro de saúde
Por Redacción |
-
A Área Sanitaria anuncia que ofertará a cobertura de todas as prazas de Medicina Familiar e Pediatría en Poio
Por Redacción |
-
Unha gran parte do remanente de tesourería de Poio destinarase a infraestruturas
Por Redacción |
-
O BNG defende a sanidade pública cunha concentración no centro de salud de Anafáns
Por Redacción |
-
O vindeiro Pleno abordará unha modificación orzamentaria para adquirir os terreos do futuro centro de saúde de Poio
Por Oskar Viéitez |