Abren as inscricións para un novo taller de defensa persoal feminina
Por Redacción
O programa municipal A Vida é Movernos, impulsado polo departamento de Deportes do Concello de Pontevedra, impulsa de novo un dos talleres que máis éxito acadou o ano pasado. Impartido polo club de taekwondo Taekanart, o obradoiro de defensa persoal feminina terá lugar entre o martes 19 e o xoves 21 de abril, así como entre o martes 3 e o xoves 5 de maio no pavillón do IES Luis Seoane, de 19:30 a 21:30 horas.
As inscricións son de balde e xa poden realizarse a través do mail anpaluisseoane@gmail.com ou do Whatsapp 609 82 12 71.
O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, lembra que "esta actividade ten entre os seus obxectivos achegar unha serie de ferramentas e habilidades que reforcen as actitudes mentais e corporais ademais de desenvolver a mobilidade corporal, as capacidades de anticipación, esquiva, evasión, acción-reacción, a capacidade de toma de decisións ou a reacción ante a ameaza ou a agresión".
En sesións de dúas horas, as mulleres que participen terán a posibilidade de facerlle fronte ao problema da violencia machista desde un prisma global, asimilando coñecementos, actitudes e técnicas ante situacións de agresión. Trátase de coñecementos sinxelos sobre cuestións como as reaccións máis oportunas ante as agresións máis comúns, pero tamén de preparación física e psíquica fronte a situacións impactantes ou traumáticas.
"A Vida é Movernos pretende deste xeito axudar ás mulleres a superar os seus medos, reforzar a súa autoestima, valía e propio recoñecemento e dotalas de poder e ferramentas para respostar e saír indemnes", subliña Tino Fernández.
Os talleres contemplan aspectos psicolóxicos, legais, estratéxicos, físicos e de prevención. Entre as cuestións que se abordan inclúense, por un lado, lograr saír ilesas ou co mínimo dano; por outro, utilizar a máxima enerxía na defensa. Tamén está previsto aplicar estratexias como a de realizar teatro de submisión para conseguir o obxectivo final, conseguir involucrar a terceiras persoas na acción ou utilizar as vías legais de protección e denuncia.